Na actualidade viña desempeñando a xefatura do Servizo de Dependencia e Autonomía Persoal no departamento territorial de Lugo da Consellería de Política Social e Igualdade
Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2025. Hoxe tomou posesión como nova directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar, Patricia García Sánchez, en substitución do anterior responsable do departamento autonómico desde o 2022, Antonio Basanta, que pasou este mes de xaneiro a formar parte do equipo do comisario europeo de Pesca e Océanos, Costas Kadis.
O acto estivo presidido polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, que deu a benvida a Sánchez e puxo en valor o traballo e compromiso de servicio público do Goberno galego en favor da xente do mar e de Galicia. Tamén tivo palabras de agradecemento para o anterior director xeral polo seu traballo ao longo de todos estes anos e que agora continuará contribuíndo a fornecer a pesca galega desde Europa. García pola súa banda, puxo en valor a súa experiencia e capacidade de traballo e manifestou a súa vontade de devolver con dedicación e feitos a confianza depositada.
Patricia García é licenciada en Dereito pola Universidade de Oviedo e conta cun Máster Executive en Dereito Empresarial, impartido polo Centro de Estudos Garrigues en colaboración coa Universidade de Harvard. Desde o 2013 é funcionaria da Xunta de Galicia, pertencendo ao subgrupo A2 dende o ano 2022. Desde o 11 de xaneiro do 2023 ocupaba a xefatura do Servizo de Dependencia e Autonomía Persoal no departamento territorial de Lugo da Consellería de Política Social e Igualdade.
Anteriormente ocupou o posto de xefa da sección da Administración Xeral e Persoal na Xefatura Territorial da Consellería do Mar en Celeiro, dende o 25 de maio de 2021 ao 15 de decembro de 2022. Tamén exerceu na actividade privada coma avogada júnior no Departamento de Dereito Público no despacho de Garrigues en Oviedo durante 3 anos.