Esta proba, que combina deporte e solidariedade, inaugura o circuíto +KmsBarreiros 2025, composto por un total de 6 carreiras que se celebrarán ao longo do ano en Barreiros
A xornada dará comezo ás 10:00 horas coa entrega de dorsais. Ás 11:00 horas terá lugar a saída da andaina solidaria, cun percorrido de 9 km e unha dificultade media-baixa.
Posteriormente, realizaranse as probas infantís, organizadas por categorías e adaptadas ás distintas idades, que se sucederán a partir das 11:10 horas. Finalmente, ás 12:00 horas, dará comezo a carreira absoluta cun percorrido de 8 km.
Dani García, concelleiro de Dinamización e Participación Veciñal, destaca o carácter integrador e solidario desta xornada. “Este día celebramos moito máis que unha competición deportiva. Buscamos fomentar hábitos de vida saudables, apoiar causas sociais e crear un espazo para o encontro e a convivencia. Desde o Concello de Barreiros animamos a toda a veciñanza a participar e a desfrutar dun día que une deporte e solidariedade”.
As inscricións
O prazo de inscrición está aberto ata este xoves, 9 de xaneiro, e pode realizarse a través da web www.maiskmsbarreiros.gal.
O total do importe recadado polas inscricións na andaina así como o aporte solidario obtido da carreira será doado integramente á asociación “Saúde Mental A Mariña”.
O circuíto +KmsBarreiros
A participación en calquera das probas do circuíto implica a inscrición automática na clasificación xeral de +KmsBarreiros. Para optar aos premios finais, as persoas participantes deberán completar, iso si, un mínimo de 4 das 6 carreiras programadas ao longo do ano. Ademais, o circuíto permite a creación de equipos, ofrecendo a oportunidade de competir conxuntamente e sumar puntos como grupo, o que fomenta o traballo en equipo e a camaradería.
Para máis información sobre as probas e o circuíto +KmsBarreiros, pódese consultar a web www.maiskmsbarreiros.gal ou descargar a app “Máis Kms Barreiros”. Tamén contactando co Concello de Barreiros.
García agradece a colaboración e apoio das asociacións implicadas: Protección Civil de Barreiros, A.D. Augas Santas, A.D. Praias de Comado e o Colectivo Cultural Ollomao, así como o apoio de empresas patrocinadoras que fan posible estes eventos.