En total recolléronse 541 sinaturas, o domingo, día 12 de xaneiro na Praza de España e o mércores, día 15, no mercado.
Destes datos compre suliñar o seguinte:
1º Nos últimos anos nunca se recolleron tantas sinaturas por colectivos sociais, que no mellor dos casos nos chegaron ás 350.
2º Faltan por contabilizar as que se están recollendo por medios telemáticos, que a día de hoxe pasan das 300 e das que se dará conta no seu día.
3º A estas hai que engadir as presentadas polas veciñas das vivendas sociais que pasan das 150.
En resumen, tendo en conta que esta recollida produciuse no mes de xaneiro, en poucas horas e en condicións climáticas moi adversas pode entenderse que en Ribadeo existe unha grande sensibilidade social en relación coas cortas indiscriminadas de árbores e un temor xustificado a que estas se extendan nos próximos meses. Maiormente cando o Concello segue sen dar unha información axeitada dos seus proxectos e existen moitas dúbidas e contradiccións nas declaracións do Alcalde.
“Agardamos que se teña en conta esta opinión de un sector significativo de veciñanza e seguiremos na teima de vixiar e denunciar novas cortas en caso de chegasen a producirse e pular por un Ribadeo máis verde, onde as árbores conviden a unha maior proximidade coa natureza, unha mellor convivencia, un medio ambiente máis san e uns espazos públicos máis atractivos para os visitantes”.