Site icon Crónica3.com A Mariña

A Plataforma en defensa e proteccion das árbores de Ribadeo colocará este domingo unha mesa informativa

Ribadeo, 8 de Xaneiro de 2025. O próximo domingo, 12 de xaneiro ás 12 o mediodía, este colectivo colocará unha mesa informativa e para a recollida de sinaturas na esquina da Praza de España con Catro Calles. O escrito que se presentará no Concello é o que aquí se expón. Poden asinar tódalas persoas que o desexen.

Sr. Alcalde de Ribadeo:

As veciñas e veciños de Ribadeo, abaixo asinantes, desexamos transmitirlle o noso rechazo polas recentes cortas de árbores, tanto no Colexio Público como en outros pontos do concello que consideramos inxustificadas e arbitrarias e o noso temor de que se sigan producindo no sucesivo en outras zonas.

Dende o noso ponto de vista as árbores son absolutamente necesarias nos espazos urbanos para manter un ambiente saudable e de relación ca natureza ademais das suas funcións amplamente coñecidas de depuración do aire degradado polo tráfico rodado e diversas actividades antrópicas, ademais de mitigar os efectos do cambio climático e outros condicionantes naturais.

Por outra banda o impacto educativo da sua presencia, nunha sociedade atenazada polo uso especulativo do solo non deixa de ser outro motivo de peso para loitar por un urbanismo compatible ca maior cercanía posible ca vida natural.

Desexamos transmitirlle ás próximas xeracións un Ribadeo máis cordial e máis humano, onde a convivencia e a concordia nas rúas e nos lugares públicos se vexan favorecidas por espazos amplos e verdes nos que se sinta latexar a natureza en perfecta simbiose ca vida humana e agardamos que se existe algún proxecto de derrubar mais árbores se tomen en consideración este tipo de argumentos e se prantexe o obxctivo de repoñer as árbores cortadas cas variedades axeitadas a cada zona.

Exit mobile version