Burela, 30 de xaneiro de 2025. Os Centros de Menores San Aníbal (Centro de Día e Casa de Familia) e o Centro de Acollida e Inclusión Social María Nazarena deron atención a un total de 52 menores (pertencentes a 43 familias) ao longo de 2024.
A Fillas do Divino Celo – Rogacionistas dan resposta con esta obra social a unha parte importante da demanda existente nestas áreas de atención a menores e inclusión no ámbito comarcal de A Mariña.
Centro de Día de Menores San Aníbal
Polo que se refire ao Centro de atención de día (que dispón de 30 prazas e está operativo os 7 días da semana), no que se atende a nenos, nenas e adolescentes que viven coas súas familias, durante o pasado ano deuse cobertura a 32 usuarios (de 25 familias). O 72% deles eran varóns, o que supón unha baixada de 3 puntos porcentuais respecto ao ano anterior.
Na súa gran maioría, estes menores proceden do municipio de Burela, seguido de Foz, Cervo, Viveiro e Ribadeo. Con idades comprendidas entre os 3 e os 18 anos, ostentan maioritariamente a nacionalidade española (81%).
A alta sobreocupación (de máis do 40%) que experimentaba o Centro nos últimos anos solucionouse xa en 2024, co aumento do número de prazas, que pasou de 20 a 30 co concerto social aprobado pola Xunta de Galicia a finais de 2023.
Casa de Familia San Aníbal
O centro Casa de Familia San Aníbal, que se ocupa en modalidade 24 por 7 de menores que se atopan en situación de garda ou tutela pública por parte da Xunta de Galicia, deu atención durante 2024 a 14 usuarios (de 13 familias).
Tendo en conta o tempo de permanencia de cada un deles e en relación co número de prazas (8) que ten este centro, a porcentaxe de ocupación resultante foi do 124%.
Dos 14 usuarios (10 mozos e 4 mozas), o 64% son de nacionalidade española. Outras nacionalidades existentes son: portuguesa, paraguaia, colombiana, senegalesa e maliana. Estas dúas últimas, en concreto, responden aos dous menores non acompañados que chegaron a Galicia desde Canarias en 2023 e 2024 respectivamente e cunha integración (tanto persoal, como escolar, como mesmo laboral) que está a ser plenamente satisfactoria.
Centro de Acollida e Inclusión Social María Nazarena
En canto ao Centro María Nazarena, que ofrece acollemento temporal preferentemente a mulleres con fillos menores ao seu cargo e en situación de vulnerabilidade, atendeu ao longo do ano 2024 a 7 mulleres e 6 menores. Desas 7 unidades familiares, 2 permanecen aínda no Centro a data de hoxe; mentres que a duración da estancia das outras 5 foi inferior a seis meses.
O primeiro obxectivo deste servizo é, loxicamente, cubrir as necesidades básicas de aloxamento e manutención destas familias, pero ademais facilítaselles orientación e apoio tanto xurídico-laboral como educativo, sanitario e social. Trátase, pois, de favorecer na maior medida posible a súa integración na sociedade, ao mesmo tempo que se fortalece a súa autoestima e tamén a súa independencia.
Os motivos que orixinaron o ingreso destas 7 mulleres e os seus fillos no Centro foron: a exclusión social (4 casos), a violencia intrafamiliar (2) e o desafiuzamento (1).