Madrid, 24 de xaneiro de 2025. A vicepresidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, Ana Ermida, e a xerente do Plan de Sostibilidade Turística, Tania Hermida, reuníronse en FITUR con membros de Daboecia Arte y Naturaleza, que desenvolverá do 28 ao 30 de marzo en Barreiros o Encontro de Turismo e Observación da natureza NatureWatch A Mariña Lucense. Na xuntanza aproveitaron para compartir detalles do evento, que incluirá charlas técnicas e divulgativas, saídas de campo e tertulias temáticas.
Os encontros NatureWatch son foros especializados de ecoturismo que se celebran en diferentes puntos de España, atendendo ás características singulares de cada lugar. Teñen como obxectivo contribuír ao impulso do turismo de observación da natureza e no caso da Mariña servirá para poñer en valor os recursos naturais locais e o potencial do territorio para desenvolver actividades relacionadas con esta modalidade turística, especialmente o seu patrimonio ornitolóxico, natural e xeolóxico.
NatureWatch está recoñecido pola Organización Mundial do Turismo como evento colaborador, que convoca a participantes nacionais e internacionais e congrega en cada edición a un gran número de persoas relacionadas coa práctica e divulgación do turismo sostible de natureza.
Actualmente, a Mancomunidade xunto a Daboecia Arte y Naturaleza, atópanse traballando na definición do programa do Encontro de cara á súa publicación e apertura de inscricións.Máis información dos encontros NatureWatch: https://amarinalucense.gal/gl/novas/encuentro-naturewatch-a-marina-lucense
Formación en ornitoloxía
Desde a Mancomunidade lembran que segue aberto o prazo de inscrición para participar nas Xornadas Formativas en Turismo Ornitolóxico, que terán lugar do 10 ao 12 de febreiro no salón de actos do Centro Cívico de Xove.
A formación é gratuíta, pero as prazas son limitadas, polo que as persoas que desexen participar deben facelo a través do formulario de inscrición online que atoparán no apartado web https://amarinalucense.gal/gl/ornitoloxia ata o 31 de xaneiro inclusive.
Estas accións están promovidas pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense no contexto do Plan de Sostibilidade Turística 2022-2024, cofinanciado pola propia Mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.