Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mancomunidade da Mariña Lucense presentará en FITUR a campaña de comunicación interna ‘A Mariña latexa contigo’

A Mariña, 15 de xaneiro de 2025. A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense presentará o vindeiro xoves, 23 de xaneiro, a súa nova campaña de comunicación interna A Mariña latexa contigo, nun acto que terá lugar no stand de Galicia en FITUR. Autoridades, prensa especializada, turoperadores e profesionais do sector terán a oportunidade de coñecer de primeira man esta nova acción, coa que se da un paso máis na posta en valor do territorio.

A presentación oficial terá lugar a partir das 16:30 horas no stand de Galicia en FITUR (pavillón 9 do recinto feiral IFEMA) nun acto no que participará a vicepresidenta da Mancomunidade, Ana Ermida, e representantes da Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e da Delegación do Goberno en Galicia.

Na cita abordarase tamén a evolución dos proxectos que se están desenvolvendo no destino no contexto do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense.

A Mariña latexa contigo

A campaña de comunicación A Mariña latexa contigo componse dun audiovisual principal que será proxectado en FITUR e que recolle os testemuños dos veciños e veciñas dos 16 concellos da Mariña. Desde unha visión moi persoal achégannos aos seus municipios, ao seu territorio, describindo os recursos e experiencias más salientables de cada lugar e conformando así un quebracabezas visual cheo de agarimo e autenticidade.

Así mesmo, editaranse pezas audiovisuais e gráficas específicas para cada un dos concellos, para a súa difusión a través das canles corporativas e institucionais, que contribuirán a poñer en valor a oferta turística de cada lugar.

Para a presidenta da Mancomunidade, Rocío López, este vídeo “é unha síntese dun conxunto de accións de comunicación que terán difusión nos vindeiros meses e que teñen como público obxectivo prioritario á propia xente da Mariña, ás persoas que habitan e aman o noso territorio e que coa súa idiosincrasia constitúen a alma desta comarca”. Así mesmo, considera que “a iniciativa, aínda que nace coa vocación de poñer en valor o territorio a nivel interno, serve tamén como campaña de promoción de cara ao exterior”.

Feira Internacional de Turismo 2025

A Mancomunidade estará presente en FITUR desde o 22 de xaneiro para manter xuntanzas con profesionais do sector e provedores de servizos, co obxectivo de comunicar os activos da Mariña, promover sinerxias e intercambiar información sobre servizos e produtos de potencial interese para o xeodestino.

Contará cun espazo de información turística dentro da provincia de Lugo no stand de Galicia, no que terá a disposición dos visitantes diferentes materiais corporativos así como como a nova edición da guía A Mariña al descubierto.

Exit mobile version