Site icon Crónica3.com A Mariña

A Fonsagrada acollerá o 25 de xaneiro o III Trail Terras de Burón, que reunirá a 750 participantes co apoio da Deputación

O Deputado de Promoción Económica e Social, xunto ao Alcalde, e membros da organización, presentaron este xoves no Concello fonsagradino esta proba de montaña, que se celebrará o vindeiro 25 de xaneiro con récord de inscricións nas catro modalidades

Lugo, 16 de xaneiro de 2025. O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, xunto ao Alcalde da Fonsagrada, e tamén Deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, a presidenta do Club de Montaña Terras de Burón, Nuria Fernández Yáñez, así como outros membros do equipo directivo, presentaron xoves no Salón de Plenos do Concello da Fonsagrada a terceira edición do Trail Terras de Burón. Esta proba de montaña, de referencia no calendario deportivo galego, reunirá o vindeiro sábado, 25 de xaneiro, na capital da Montaña de Lugo a 750 participantes grazas un ano máis á colaboración da institución provincial.

Pablo Rivera destacou o impacto que ten o Trail Terras de Burón, tanto no ámbito deportivo como no desenvolvemento económico e social para a comarca da Montaña. “A Fonsagrada é un lugar que se converteu nun referente grazas ao esforzo e dedicación de moitas persoas. Este evento, que segue medrando ano tras ano, destaca pola súa singularidade, pola súa conexión coa natureza e polo traballo conxunto de todos os implicados”, afirmou.

O Deputado felcitou á organización, ao equipo de goberno local e a todas as persoas e entidades implicadas que “co seu esforzo e dedicación, fan posible que o Trail Terras de Burón siga medrando e mostrando o mellor da Fonsagrada e da provincia de Lugo. “Nesta nova edición, o Trail de Inverno bate un ano máis todos os récords de participación, o que o converte nunha das grandes citas de montaña no calendario galego”.

Nesta terceira edición, o Trail Terras de Burón contará con 750 participantes nas catro modalidades que se celebran durante o evento. O Deputado subliñou que as cifras de participación son unha clara mostra do éxito desta proba, que non só atrae a corredores senón tamén xera un importante impacto positivo na economía local, atraendo turistas e promocionando a Fonsagrada. “Estas cifras non só reflicten o crecemento do evento, senón tamén a súa capacidade para dinamizar a economía e promover o turismo na comarca”, destacou Rivera.

Segundo sinalou o Deputado “desde a Deputación de Lugo, seguimos apostando por eventos como este que poñen en valor o noso territorio e fomentan a colaboración entre institucións e entidades locais. A implicación das autoridades municipais e dos organizadores é clave para garantir que eventos como o Trail Terras de Burón continúen a medrar e a situarse entre os máis esperados na nosa provincia”.

O III Trail Terras de Burón non é só unha proba de montaña, senón unha verdadeira inmersión no corazón dun territorio de gran valor ambiental e paisaxístico, como é o caso das Seimeiras. “Cada quilómetro percorrido nesta proba é unha experiencia única, un privilexio para os sentidos, que permite aos participantes desfrutar dunha das paisaxes máis fermosas de Galicia”, rematou Pablo Rivera.

No acto de presentación tamén tiveron presenza a Secretaria do Clube de Montaña Terras de Burón, Mirian Gómez Magide, o técnico Municipal de Deportes e Membro da Directiva do Clube de Montaña Terras de Burón, Enrique Fernández Carrín; o técnico de Carreira do Clube de Montaña Terras de Burón, Jorge Cancio Fernández; o responsable de Trail Runnig da Federación Galega de Atletismo, Iván Sangiao Darriba; o Concelleiro de Deportes do Concello da Fonsagrada, Silbán Rodríguez Palmeiro; e o Delegado da Federación Galega de Atletismo en Lugo, Pablo Gandoy López.

Catro modalidades

A terceira edición do Trail de Terras de Burón, tamén coñecido como Trail de Inverno, contará con catro probas. Haberá unha andaina de 15 quilómetros con 750 metros de desnivel positivo, e tres carreiras de montaña con distintas distancias; o trailiño, o percorrido máis corto, con 18 quilómetros cun denivel positivo de 1.000 metros; o Trail das Seimeiras, de media distancia, con 30 quilómetros e 1.650 de desnivel positivo; e por último, a máis longa, a Maratón das Seimeiras, con 40 quilómetros e 2.200 metros de desnivel positivo.

O punto de saída para todas as modalidades é a Praza do Concello. Os participantes da Maratón sairán ás 8:30 horas; os do Trail das Seimeiras, ás 9:30 horas; os do Trailiño, ás 10:30 horas; e os que farán a andaina, ás 10:40 horas. Habilitaranse zonas para os avituallamentos, gardarroupas e duchas quentadas para o remate da proba no pavillón municipal.

Exit mobile version