A institución provincial cortou esta mañá a estrada provincial LU-P-1701, de Feira do Monte a Muimenta, e a LU-P-0802, en Begonte, polo desbordamento do río Ladra e mantén despregados 72 operarios e 48 máquinas e vehículos para facilitar a circulación
Lugo, 27 de xaneiro de 2025. A Deputación de Lugo está a traballar nas diferentes estradas provinciais afectadas polas fortes choivas e nevaradas que están a producirse nas últimas horas por mor do temporal Herminia. A institución provincial mantén despregados 72 operarios e 48 máquinas e vehículos para paliar os efectos das inclemencias meteorolóxicas na rede viaria provincial, onde se rexistraron desde o venres 192 incidencias.
As situacións máis complicadas que se viven este luns a causa das precipitacións afectan á Chaira e á Montaña. Na comarca da Terra Cha, os técnicos pecharon dúas estradas provinciais ao tráfico en Cospeito e Begonte: a LU-P-1701, de Feira do Monte a Muimenta, que á altura dos quilómetros 9 e 10 tiña o firme completamente anegado; e a LU-P-0802, que conecta a N-VI e a parroquia begontesa de Santalla, que quedou intransitable polo desbordamento do río Ladra. Tamén se rexistraron dificultades para transitar polas estradas da Montaña lucense, onde estaba activa unha alerta amarela por neve por riba dos 1.000 metros. A Deputación despegou na zona do Courel -onde se chegaron a acumular 5 centímetros de neve- dúas quitaneves e varias pick ups con cuña, que son máis rápidos e lixeiros para estes espesores.
O venres, sábado e domingo a meirande parte das incidencias que se rexistraron por toda a provincia foron provocadas por caída de arborado sobre a estrada. Das 57 actuacións que se levaron a cabo o sábado, tres foron para resolver a caída de árbores sobre tendido eléctrico, e outras tres por desprendementos. Onte domingo, rexistráronse 85 incidencias, dúas delas polo asolagamento de dúas vivendas situadas ao carón das estradas provinciais.
O dispositivo de seguridade mobilizado pola Deputación está formado por 78 operarios, 24 medios móbiles, 8 quitaneves, 8 pick ups con cuñas e 8 vehículos de apoio. Así mesmo, os 12 silos de sal da Deputación dispoñen de 35 toneladas cada un para conseguir desfacer as placas de xeo que hai no firme e favorecer así a seguridade dos usuarios e usuarias das vías.