Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación promocionará o turismo azul da provincia nunha nova campaña que presentará en FITUR

Presentarase un vídeo promocional que amosa a importancia da auga que “transforma a paisaxe”, marca a gastronomía e multiplica as posibilidades turísticas da provincia ata o infinito ofrecendo alternativas baseadas no deporte e na natureza

Lugo, 18 de xaneiro de 2025. A Deputación de Lugo presentará a nova campaña de turismo da institución provincial Provincia de Lugo. Mergúllate na maxia das súas augas o vindeiro venres, 24 de xaneiro, ás 12.00 horas no expositor de Turismo de Galicia, na Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se celebrará en Madrid a semana que vén. Unha campaña que representa a aposta da Deputación polo turismo azul e que se enmarca no seu modelo de promoción do territorio sostible, de calidade e de experiencias.

O Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, será o encargado de dar a coñecer as novidades desta iniciativa baseada nos camiños que a auga propón en Lugo. Desde as rutas fluviais en catamarán polos canóns do Sil –nas que impulsa a Deputación participaron 61.500 persoas o ano pasado-, os infinitos regatos e cascadas que regan o territorio, as zonas húmidas –que a provincia ten o 40% das inventariadas en Galicia- ou os 100 quilómetros de costa que a Mariña conta fronte ao Cantábrico.

Uns recursos naturais que multiplican “ata o infinito” as propostas turísticas baseadas na natureza e no deporte e que marcan tamén a gastronomía. “Encaixando no turismo non masificado, ligado ás experiencias e o contacto coa natureza que impulsamos desde a Deputación de Lugo”, enmarcou Tomé Roca. O Presidente avanzou ademais que se presentará un vídeo promocional para amosar precisamente a importancia da auga.

Unha axenda de contacto e actos

O Presidente da Deputación e a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participarán en diferentes presentacións e actos durante a celebración de Fitur 2025. Entre outros, estarán presentes nas presentacións das novidades turísticas do Concello de Lugo, a Mancomunidade de Concellos da Mariña, o Consorcio da Ribeira Sacra, Expomar e outros de relevancia provincial, galega e estatal. Ademais, aproveitarán a súa presenza en Fitur para celebrar reunións de traballo con profesionais do sector.

Exit mobile version