O Deputado de Promoción Económica e Social informou tamén este venres da licitación das obras para a mellora de 7 estradas da rede provincial ao seu paso por 8 concellos e cun investimento da institución provincial de 1,37 M€
Lugo, 26 de xaneiro de 2025. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres sacar a licitación do contrato por un importe de 1.260.000€ para poñer en marcha o proxecto Xeopadrón. Así o anunciou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, quen explicou que este proxecto de “modernización e dixitalización é un paso máis cara o proceso de transformación no que levamos traballando anos desde a Deputación, en colaboración cos Concellos, a través de diversas iniciativas que melloran a xestión administrativa e a prestación de servizos públicos”.
Rivera Capón indicou que este proxecto que a institución provincial desenvolverá con fondos europeos captados do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, ten por obxectivo mellorar a calidade e a fiabilidade dos datos do padrón facendo posible a súa revisión e depuración a través dun novo sistema de xestión.
“Este sistema permitirá contrastar os datos do padrón de cada concello sobre os habitantes empadroados e as súas vivendas coas bases de datos do Instituto Nacional de Estadística. Deste xeito, o INE contará cunha información depurada, contrastada, veraz e actualizada en relación aos habitantes de cada municipio”, apuntou o Deputado.
O proxecto terá unha duración estimada de sete meses, cun compromiso de soporte e mantemento de seis meses tras a súa finalización, o que garantirá a sostibilidade e a calidade dos resultados a longo prazo.
Ademais, a posta en marcha de Xeopadrón representa un avance importante cara ao futuro Padrón Online, unha iniciativa do INE que permitirá crear unha base de datos xeorreferenciada de vivendas e fogares. Este salto cualitativo na modernización administrativa mellorará a actualización continua e áxil dos datos do padrón, o que optimizará a xestión de recursos e mellorará a calidade dos servizos públicos prestados aos veciños e veciñas da provincia.
“Con este proxecto, a Deputación de Lugo segue avanzando na consolidación dunha administración pública máis moderna, ao servizo da cidadanía e dos concellos da nosa provincia. Aproveitamos ao máximo as oportunidades que nos brindan os fondos da Unión Europea para mellorar a calidade de vida das nosas veciñas e veciños”, destacou Rivera Capón.
Investimento de 1,37M€ para mellorar 7 vías provinciais de 8 concellos
Na Xunta de Goberno de hoxe, a Deputación sacou adiante unha importante inversión de máis de 1,37 millóns de euros para mellorar sete vías que atravesan oito concellos da provincia. O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, subliñou que estas melloras na rede de estradas provinciais “é un paso máis no noso compromiso por optimizar as infraestruturas da provincia, facilitando a mobilidade e garantindo unha mellor conectividade entre os concellos”.
Concretamente, en Friol, licitáronse as obras de rehabilitación de preto de dous quilómetros ao inicio da estrada LU-P-2105, que conecta o empalme de Prado con San Paio de Narla, así como a mellora dos dous primeiros quilómetros da LU-P-2115, entre O Vento e Santa Marta, na parroquia de Vilalvite. As actuacións, cun orzamento de 246.887,69€, inclúen a reapertura de cunetas, pavimentación con aglomerado en quente e reposición da sinalización, cun prazo de execución de tres meses. “Estas melloras serán fundamentais tanto para o concello de Friol como para a comarca, facilitando o acceso a recursos turísticos como a Fortaleza de San Paio de Narla e a outros servizos básicos”, destacou Rivera Capón.
En Monterroso e Guntín, mellorarase un tramo de case seis quilómetros da estrada LU-P-3303, que conecta a Nacional 547 coa Nacional 640, cun investimento de 153.217,56€ e un prazo de execución de tres meses. No caso de Ourol e Muras, tamén se mellorarán seis quilómetros da LU-P-3804, cun orzamento de 279.576,9€ e un prazo de execución de dous meses. Nesta caso, avanzou o Deputado, “as actuacións mellorarán a seguridade e accesibilidade nas zonas afectadas”.
Na Ribeira Sacra, intervirase na estrada LU-P-3201, que conecta Monforte de Lemos con Sober, mellorando o inicio da vía entre os puntos quilométricos 0,814 e 2,540. O proxecto contará cun orzamento de 294.190,37€ e un prazo de catro meses, con especial atención ás zonas escolares. No Corgo, licitáronse as obras de rehabilitación dun tramo de catro quilómetros da LU-P-2904, cun orzamento de 227.099,73€, que complementarán as melloras previas nesta vía.
Por último, no Vicedo, licítase a mellora dun tramo da estrada LU-P-6405, que dá acceso á praia de Xilloi. As actuacións consistirán na mellora da pavimentación con aglomerado en quente, obras de drenaxe e reposición da sinalización. A Deputación investirá máis de 175.000€ nesta mellora, que terá un prazo de execución de dous meses e afectará ao treito comprendido entre o inicio da vía e o punto quilométrico 1.400.
Pablo Rivera valorou este conxunto de actuacións “como un investimento estratéxico para mellorar as infraestruturas provinciais, contribuíndo á mellora da mobilidade, a seguridade vial e o desenvolvemento económico das nosas localidades”.
Venta dunha parcela no polígono industrial de Friol
Por último, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación directa da parcela número 11 do polígono industrial A Gándara, de Friol por un importe de 40.429,05€. Deste xeito, neste polígono a institución provincial ten vendidas 29 parcelas, das 55 existentes, quedando libres 26 parcelas.