Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación de Lugo ofrecerá este ano máis de 3.000 prazas no programa de viaxes gratuítas Coñece a túa provincia

A Xunta de Goberno aprobou este venres a convocatoria dunha nova edición desta iniciativa que desde a súa creación no 2021 “xerou un importante retorno económico que superou os 600.000 euros, o que evidencia o seu éxito, ano tras ano, tanto na promoción do turismo local como no impulso á economía da nosa provincia”

Lugo, 17 de xaneiro de 2025. A Deputación de Lugo vén de aprobar a convocatoria para a quinta edición do programa Coñece a túa Provincia, que neste 2025 ofrecerá un total de 3.036 novas prazas de viaxes gratuítas. Esta iniciativa vai dirixida a entidades asociativas sen ánimo de lucro de calquera dos 67 concellos da provincia de Lugo, co fin de promover o turismo de proximidade e impulsar a dinamización económica local.

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, anunciou que a Xunta de Goberno aprobou este venres a nova edición do programa e destacou que, desde a súa creación no 2021, “xerou un importante retorno económico superior aos 600.000 euros”. Este dato, afirmou, “evidencia o éxito da iniciativa, tanto na promoción do turismo local como no impulso á economía da provincia”.

O prazo para presentar as solicitudes comezará o 23 de xaneiro, ás 12:00 horas, e rematará o 3 de febreiro. As bases do programa serán publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) o 22 de xaneiro, onde se recollerán as condicións e os requisitos para participar.

Este ano, o programa mantén os 44 itinerarios turísticos por toda a provincia, pero tamén inclúe unha importante novidade: 7 rutas accesibles para persoas con mobilidade reducida, o que reforza o carácter inclusivo e accesible da iniciativa. As excursións concedidas cubrirán todos os aspectos necesarios para gozar dunha experiencia completa, incluíndo transporte, seguros de viaxeiros, menú de xantar, entradas a lugares de interese e a presenza dun guía oficial habilitado durante todo o percorrido.

As solicitudes serán admitidas por orde de presentación, segundo o número de rexistro de entrada, ata esgotar as prazas dispoñibles. A relación de entidades admitidas, excluídas e en lista de agarda será publicada tamén no Boletín Oficial da Provincia.

Fomento do turismo de proximidade e impulso á economía local

A Deputación de Lugo segue apostando pola dinamización do turismo de proximidade coa consolidación desta iniciativa. “O Coñece a túa Provincia é unha ferramenta clave para fortalecer o sector turístico e apoiar aos colectivos sen ánimo de lucro que traballan na dinamización das comunidades rurais e da hostalaría local, facendo de Lugo un referente de turismo accesible e sostible”, destacou Pablo Rivera Capón.

As solicitudes deberán presentarse a través da sede electrónica da Deputación, na ligazón https://sede.deputacionlugo.org/opencms/opencms/sede. Tamén se poderá presentar a solicitude no Rexistro Xeral da Deputación de Lugo, onde se realizará a comprobación dos datos identificativos da persoa física ou xurídica.

Exit mobile version