Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación aproba o Plan Anual de Contratación 2025 dotado con 27M€

A Xunta de Goberno deu luz verde á previsión dos procedementos de contratación de servizos, subministracións e obras que desenvolverá a institución provincial ao longo deste ano que reflicte “a nosa capacidade de planificación, xestión e transparencia”

Lugo, 17 de xaneiro de 2025. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres o Plan Anual de Contratación 2025 dotado con 27M€. Un documento que recolle a previsión dos procedementos de contratación de servizos, subministracións e obras que desenvolverá a institución provincial ao longo deste ano. Así o informou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, tras a sesión semanal do Goberno.

Segundo indicou o Deputado, a cifra do Plan Anual de Contratación 2025 é “estimativa”, pero a elaboración deste texto “reflicte a capacidade de planificación, de xestión e de transparencia deste Goberno”.

Camiño perimetral do Parque Central de Galicia e estradas en Foz

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a licitación das obras para o afirmado do camiño perimetral do Parque Central de Galicia que a Deputación impulsa na parroquia de Nugallás de Antas de Ulla. O orzamento para esta actuación ascende a 154.417,77€ e o prazo de execución será de dous meses. Os traballos contemplan o movemento de terras, a drenaxe, afirmado, estendido de aglomerado en quente e sinalización mediante o pintado de marcas reflexivas brancas.

Rivera Capón sinalou que as obras do Parque Central -nas que a Deputación de Lugo inviste 1,3M€- “avanzan a bo ritmo”. Informou que están rematadas as soleiras do parque infantil e os camiños secundarios; ademais o edificio multiusos está levantado a media altura; está executado o pozo de auga e a depuradora para o saneamento.

En Foz, a Xunta de Goberno acordou licitar ademais por 392.218,9€ un proxecto para a mellora de sete estradas:
1. A LU-P-6303, que é a estrada que conecta Campón e Cordido por Güín. Neste caso, a Deputación actuará do punto quilométrico 2,630 ao 4,741 coa reapertura de cunetas, pavimentación con aglomerado e sinalización.
2. A LU-P-2001, que conecta a estrada autonómica LU-152 e a Nacional 642. A Deputación mellorará os 6 primeiros quilómetros mediante a reapertura de cunetas, pavimentación con aglomerado e sinalización.
3. A LU-P-2013, que vai do colexio de Nois á Praia de Arealonga. A institución provincial reparará puntualmente o pavimento e mellorará a seguridade na zona escolar co reforzo da sinalización.
4. A LU-P-2009, de Peirao de Foz ó Bispo Santo por Marzán. Os traballos afectarán aos 3 primeiros quilómetros, reparando a pavimentación e a sinalización.
5. A LU-P-2006, que une A Cruz coa Praia de Llas. As obras afectarán ao treito comprendido entre os puntos quilométricos 0,949 e o 2,405 con melloras na pavimentación e sinalización.
6. A LU-P-2011, que une Marzán coa Praia de Llas. A Deputación mellorará neste caso os 700 primeiros metros coa pavimentación e a sinalización.
7. A LU-P-3101, de Areas á LU-152 por Oirán, onde a institución provincial mellorará a drenaxe desde o punto quilométrico 8,717 ó 13,024.

O prazo de execución destes traballos, unha vez iniciados, será de tres meses. “Trátase dunha actuación importantísima para Foz, porque afecta a 7 das 17 estradas provinciais que vertebran o municipio. A maioría delas fundamentais para conectar o interior do concello coa zona das praias”, sinalou o Deputado.

Ampliación do prazo do concurso de fotografía

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou ampliar o prazo da convocatoria da VIII edición do concurso fotográfico: O Patrimonio Etnográfico Material das Reservas da Biosfera Terras de Miño e Os Ancares lucenses. Repartiranse 1.600€ en premios entre os tres primeiros: 800€ para o gañador, 500€ e 300€. Os interesados en participar neste concurso teñen un mes máis, ata o 20 de febreiro, grazas a esta ampliación do prazo para presentar as súas fotografías. Que poderán ser en branco e negro ou en cor, deberán ser tomadas dentro do territorio das Reservas e presentadas en formato dixital xunto cunha copia en papel fotográfico no Rexistro provincial de San Marcos.

Subministración de papel

Adxudicado ademais o contrato para a subministración de papel de fibra virxe para a Deputación A adxudicataria é a empresa Kalamazoo Produtos de Oficina SLU por un importe de 13.068€ e a duración do contrato será dun ano sen posibilidade de prórroga.

Exit mobile version