“A última ocorrencia do señor Castiñeira para desprestixiar Foz resultou ser de moi mal gusto. Non lembra o voceiro do Partido Popular que o temporal Karlotta o 8 de febreiro do ano 2024, con rachas de vento récord de máis de 200 km/h na Mariña, descubriu o tellado da Sala Bahía, levantou chapas en edificios de Eduardo Pondal que caeron na rúa Irmandiños e destruíu a carpa do mercado gandeiro en Ferreira: non así a carpa do Entroido de Foz”, explica Inés López.
A edil engade: “aprendemos e traballamos para mellorar de forma continua, coordinando e compartindo os cambios con reunións ao longo do ano cos grupos do Carnaval. Non imos eludir a nosa responsabilidade: melloraremos accesos e medidas de seguridade, para que todos os participantes dos eventos que se celebran na carpa unicamente se preocupen de pasalo ben e non haxa ningunha situación de agobio nos accesos. Contamos con técnicos de prevención que elaboran e supervisan un Plan de Autoprotección específico e xa lles pedimos que definan un maior número de accesos, por encima do que esixe a normativa”.
López Couto tamén comenta: “non imos volver a dispoñer un entarimado de seis metros de altura, con escaleiras empinadas no estacionamento da Sala Bahía, como deseñou Javier Castiñeira, cunha carpa a dous metros das fiestras dos veciños. Tampouco quero falar das saídas de seguridade daquela época. Estamos mellorando e imos a seguir facéndoo, é o que verdadeiramente nos motiva”.
“O máis triste da política do señor Castiñeira é que prefire politizar e desprestixiar un Entroido que é de todos en vez de traballar por el. Elixe un egoísmo pueril de pataleta por non levar xa o bastón de mando, debería superalo xa. O carnaval no é de Pepe Rivera, de Javier Jorge Castiñeira ou de Fran Cajoto: é de todos os focegos. Castiñeira debería aceptar a realidade: hai xa case seis anos que deixou de ser alcalde pola vontade dos veciños de Foz. Hai moita xente do Partido Popular involucrada en que o Carnaval siga mellorando e estámoslles moi agradecidos. Sería positivo que se non vai axudar a que o pobo avance non intente dinamitar o bo nome de este Entroido, que acadou a distinción como Festa de Interese Turístico Galega en marzo de 2023, da que estamos moi orgullosos”, remata a concelleira Inés López.