Cervo, 23 de xaneiro de 2025. O anuncio da sinatura dun memorando de entendemento entre o Ministerio de Industria, a Xunta de Galiza, Alcoa e IGNIS EQT sobre o fábrica de San Cibrao confirma a aceptación dos Gobernos español e galego da grave situación que se está a vivir no complexo industrial da Mariña.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, lembra que “son xa moitos os meses que a dirección de Alcoa leva incumprindo o acordo de viabilidade, particularmente no referido aos investimentos na planta”. Por iso, para a CIG resulta especialmente grave que este memorando se asine de costas ao comité e aos sindicatos, despois dos chamamentos feitos polos traballadores e traballadoras á implicación das distintas administracións, das mobilizacións realizadas neste sentido, e incluso das proposicións aprobadas no Parlamento para garantir o cumprimento dos investimentos e o futuro do emprego tanto na empresa principal como nas industrias auxiliares.
“Por que, a diferenza do último memorando do ano 2021, o documento asinado estes días non é o resultado dun proceso de participación dos sindicatos e traballadores/as e as administracións públicas e a empresa fano de costas ao persoal e os sindicatos?”, cuestiona Carril. “Pretenden as administracións e Alcoa que o persoal, ao igual que fan os Gobernos, lexitimen o incumprimento que Alcoa está facendo do acordo?”, engade.
Lamenta que as administracións públicas, de forma parecida a como fixeron a comezos de 2019 cando o ERE da Coruña e Avilés, asuman como prioridade o plan de actuación de Alcoa “e non o que os traballadores e traballadoras están demandando dende hai meses, que non é outra cousa que o cumprimento do acordo ou unha solución que pasa pola intervención da SEPI”.
A CIG insta as administracións públicas a que reconsideren esta forma de actuar, que aposten por asumir as reivindicacións que o persoal leva meses facendo e que calquera futuro pasa pola materialización do acordo, así como que se cese na exclusión do comité de empresa e dos sindicatos.