Foz, 4 de xaneiro de 2025. O Concello de Foz está pendente das previsións meteorolóxicas para que as súas maxestades os Reis Magos de Oriente poidan chegar a Foz e repartir os agasallos de forma segura. Se o tempo o permite, a cabalgata sairá da Praia da Rapadoira este domingo, 5 de xaneiro, ás 18.30 horas para percorrer as súas Trapero Pardo, rúa do Mar, Paseo da Ribeira, Praza Conde de Fontao, rúa Valle Inclán, avenida da Mariña e avenida Álvaro Cunqueiro, onde sairán a saudar dende o balcón do Concello e pasarán polo belén vivinte que está na Praza do Concello. Para posteriormente trasladarse á Sala Bahía, onde recibirán a todos aqueles que queiran saudalos e facerlles ás últimas peticións.
Ademais da recepción haberá chocolate e roscón, explica a concelleira de Cultura, Inés López Couto, quen tamén indica que “no caso de empeoramento meteorolóxico a comitiva acudirá directamente á Sala Bahía para que os máis pequenos poidan saudar ás súas maxestades e disfruten do chocolate con roscón”.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, engade: “agradecemos a comprensión de todos. Queremos que a comitiva real chegue o máis segura posible, por iso continuamos pendentes da evolución dos avisos da Aemet e Meteogalicia. Informaremos de calquera cambio que se produza. En todo caso os Reis saudarannos a todos na Sala Bahía e todos deberemos deixar os zapatos na ventá e deitarnos cedo para que traballen sen interrupcións e pola mañá poidamos abrir os nosos agasallos”.
Na Sala Bahía tamén serán entregados os premios do concurso das Sete Bólas do Nadal, iniciativa do Concello coa colaboración da ACIA de Foz.