A brasileira impúxose na vixésimo quinta edición dos premios Jako Futsal Awards, que concede a prestixiosa publicación Futsal Planet
Emilly Micaela Marcondes naceu o 6 de setembro de 1994 (30 anos) na Ilha dos Valadares, unha illa dentro do municipio de Paranaguá, no estado de Paraná. Comezou a xogar con 5 anos ao fútbol sala e con 14 empezou unha carreira deportiva que a levou no seu país polo Telemaco Borba, o Estrela de Guarulhos, o Unifor e o São José, desde onde deu o salto a España para fichar polo Torreblanca Melilla no verán de 2020. Despois de deslumbrar durante unha tempada no conxunto norteafricano, no que foi MVP da Copa da Raíña e rematou terceira na táboa de goleadoras con 26 tantos, comprometeuse en xullo de 2021 co Burela FS, club no que desde o primeiro momento demostrou a súa calidade, a súa potencia física e a súa voracidade goleadora fronte ao marco contrario grazas a unha capacidade de definición impresionante polo seu excelente golpeo con ámbalas pernas.
No seu primeiro ano como laranxa contribuíu aos títulos da Copa da Raíña, a Supercopa e a Futsal Women’s European Champions organizada en Lugo, así como ao subcampionato ligueiro. Xa na 2022/2023, Emilly alzouse cos tres títulos nacionais e axudou a conseguir o póker de entorchados coa súa primeira Copa Galicia, logrando ademais 28 goles na liga regular e sendo a segunda máxima goleadora da competición.
Mentres, o pasado curso coroábase campioa da Copa América coa selección brasileira e co Burela FS adxudicábase a Supercopa e a liga. Non puido en cambio contribuír a facerse coa Copa da Raíña porque unha inoportuna lesión nos cuartos de final apartábaa da cancha e o equipo caía eliminado contra o Futsi Atlético Navalcarnero. A pesar de que esta lesión e a participación na Copa América fíxolle perderse varios encontros terminou como segunda máxima artilleira con 34 goles. Esta tempada é a actual máxima goleadora con 22 dianas en 16 encontros.
Ademais dos títulos colectivos, Emilly Marcondes acumula incontables galardóns individuais, xa que é unha habitual na maioría de premios destas características. De feito, foi designada MVP da Liga polas súas compañeiras nas dúas últimas tempadas, así como mellor á destra do pasado curso, sendo ademais finalista para o á esquerda.
Dúas xogadoras e segunda ocasión
Esta é a segunda ocasión na que unha futbolista do Burela FS recibe esta distinción polo seu desempeño coa elástica laranxa. A primeira foi a lenda burelista Patricia González Mota, ‘Peque’, que foi condecorada con este premio no ano 2022.
Ademais, este recoñecemento a Emilly supón que coincidirán dúas futbolistas do actual plantel burelista con este galardón no seu poder, xa que a tamén brasileira Cilene Pereira Paranhos recibiuno no ano 2008, cando aínda xogaba no seu país nas filas do Jaguaré.