O deputado Daniel García reuníuse co sector pesqueiro focense para suscribir un convenio que lle permita á confraría afrontar os gastos de funcionamento
Foz, sábado 18 de xaneiro 2025. O deputado de Medio Rural, Mar e Mocidade Daniel García Fernández reuníuse este mediodía co patrón maior da Confraría de Pescadores de Foz, José Lestegás Iglesias, e membros do pósito para presentar e concretar o convenio de colaboración que a área provincial subscribirá coa entidade, cun importe de 9.000 euros, consignados nos orzamentos da Deputación de Lugo para 20025.
A achega destinarase a gastos de actividade e funcionamento, permitíndolle á confraría afrontar o pagamento do alugueiro das instalacións -titularidade de Portos de Galicia – que empregan como almacén para redes, aparellos e maquinaria de carga e descarga, e de subministros básicos dos locais como telefonía, luz ou auga, entre outros gastos relacionados coa súa actividade.
O deputado Daniel García explicou que “desde a tenencia de alcaldía do Concello de Foz e desde o sector trasmitíronnos nos últimos meses as dificultades económicas que atravesa a confraría como consecuencia das fortes limitacións impostas á actividade dos barcos”.
“Esta achega trata de dar resposta a estas dificultades financieiras, dentro das poucas competencias que ten a Deputación neste ámbito, que depende fundamentalmente da xestión dos goberno galego e estatal en Europa”, sinalou o deputado que trasladou ao sector “o apoio institucional e político da área de Mar e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo na defensa da pesca de baixura, que segue a ser o sustento de moitas familias”
Unha achega para que a actividade na Confraría sexa viable
A confraria de Foz está a piques de cumprir un século de existencia, pois foi constituída no 1929. Actualmente conta con catro embarcacións adscritas: dúas de cerco e outras dúas dedicadas a artes menores, que dan emprego a unha trintena de persoas.
As dificultades do sector pesqueiro de Foz, afectado pola falta de calado do porto, medraron nos últimos anos polas limitacións á pesca de especies como a sardiña, o bocarte, o chicharo ou a xarda, que eran fundamentais para a frota de baixura focense, a día de hoxe amarrada, como explicou o patrón maior durante a visita ás instalacións, na que estiveron presentes os concelleiros Francisco Xavier Fanego e Simeón Neira.
O responsable do pósito asegurou que “sen esta axuda o funcionamento da confraría non sería viable, porque non podemos afrontar sequera os gastos mínimos de alugueres e servizos” e valorou a colaboración co sector de Francisco Xavier Fanego “que estivo sempre preocupado pola nosa situación e comprometido coa busca dunha soluciòn noutras administracións”.
No transcurso da visita, Francisco Xavier Fanego fixo fincapé “na necesidade de poñer os recursos para resolver as necesidades inmediatas e cotiás dun sector que temos que recoñecer como parte fundamental da configuración económica e social de Foz ao longo da historia, pero sobre todo como actividade produtiva e de futuro”.
Outros investimentos da área de Mar en Foz
A colaboración coa confraría sumase a outras actuacións desenvolvidas pola área de Mar da Vicepresidencia da Deputación de Lugo en Foz. En 2024, a área dirixida por Daniel García investiu 6.000€ na colocación de proteccións nos valos da zona portuaria, a carón da ría, para mellorar a seguridade na explanada do porto e previr a caída á ría de plásticos ou residuos uqe puiden afectar á contorna do Masma e do Centiño.