Site icon Crónica3.com A Mariña

A alcaldesa de Barreiros pídelle á conselleira do Medio Rural que atenda ao sector da faba

Barreiros, 22 de xaneiro de 2025. A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, vén de dirixirlle unha carta á conselleira do Medio Rural para demandarlle que inicie un diálogo co sector produtor de faba despois da nefasta campaña sofrida no 2024.

Ana Ermida, xunto co resto do equipo de goberno, mantivo no día de onte unha xuntanza co SLG e produtores de faba que lle trasladaron a situación do sector e as conclusións acadadas nunha xuntanza do mesmo no mes de decembro.

A raíz desta xuntanza e ante a inactividade da Xunta, como administración competente na materia, demandaron o apoio do Concello de Barreiros para lograr o inicio dun diálogo que permita adoptar medidas para o mantemento do sector.

Ermida explicou que “tras as perdas sufridas nesta última campaña, que ascenden ao 80%, o sector está nunha situación moi delicada. E este é un sector de suma importancia no territorio e tamén no noso concello, por ser un medio de incorporación de persoas á actividade agraria, un modo de fixar e atraer poboación ao rural e tamén un símbolo social e de identificación de toda a Mariña”.

Neste sentido, a rexedora trasladoulle á conselleira a necesidade e urxente de que desde a Consellería de Medio Rural, á maior brevidade, “se abra un diálogo co sector para tratar, cando menos, dos seguintes temas que nos foron enunciado no día de onte:

• Establecemento dunha axuda directa que permita salvar a campaña ás persoas produtoras.

• Modificación da axuda da PAC nomeadamente na liña “Axuda á produción sostible de proteínas de orixe vexetal” dotándoa de cuantía suficiente.

• Constitución dun equipo de traballo que estude as afección dos cambios na climatoloxía e os seus efectos na aparición de novas enfermidades.

Ademais, Ermida ofreceu o Concello de Barreiros coa máxima colaboración para “facer posible este diálogo e ofrécese, de ser preciso, para colaborar na organización ou intendencia dos encontros que considere.”

Exit mobile version