Alfoz, 25 de xaneiro de 2025. A alcaldesa de Alfoz, Efigenia Maseda, mantivo este venres unha reunión co xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, para tratar diversos asuntos relacionados coa mellora dos servizos municipais que afectan directamente á calidade de vida da veciñanza.
Entre os temas abordados destacaron as actuacións necesarias para mellorar as instalacións da Vivenda Comunitaria e da Escola Infantil “A Galiña Azul”, así como a problemática que afecta á prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un servizo fundamental para apoiar ás persoas en situación de dependencia e ás súas familias.
A alcaldesa cualificou a reunión como “positiva e produtiva”, destacando o compromiso do Consorcio para estudar as necesidades do municipio e avanzar nas actuacións. “Foi unha reunión onde abordamos temas prioritarios para Alfoz. Confío en que este traballo conxunto permita mellorar os espazos e servizos destinados tanto á nosa infancia como ás persoas maiores que máis o precisan”, declarou Efigenia Maseda.
Desde o Concello de Alfoz seguirase traballando para garantir a implementación destas melloras e facilitar a súa execución nos próximos meses, reforzando así o compromiso coa igualdade e o benestar da veciñanza.