Nesta convocatoria dirixida a medianas empresas actualízase o catálogo de solucións adaptándoo ás necesidades deste segmento e incorporando tecnoloxías de Intelixencia Artificial
Lugo, 12 de decembro de 2024. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, anunciou esta mañá a apertura do prazo de presentación de solicitudes da axuda de Kit Dixital para as medianas empresas, “unha nova oportunidade para o tecido empresarial lucense” a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública.
Nesta ocasión, a contía das axudas do bono dixital será de 25.000 euros para aquelas empresas de entre 50 e menos de 100 empregados e de 29.000 euros para as empresas cuxo número de traballadores sexa de entre 100 e menos de 250 empregados. A subdelegada lembrou que desde hoxe “xa se pode solicitar a axuda a través da sede electrónica de Red.es, prazo que estará aberto ata o 30 de xuño de 2025”.
As empresas poderán acceder a un catálogo que por vez primeira conta con tecnoloxías de Intelixencia Artificial, con 14 solucións actualizadas e adaptadas ás súas necesidades: Comercio electrónico, Xestión de Redes Sociais, Xestión de Clientes, Business Intelligence e Analítica, Xestión de Procesos, Xestión da facturación e factura electrónica, Servizos e ferramentas de Oficina Virtual, Comunicacións Seguras, Ciberseguridade, Presenza avanzada na internet, Servizo de Ciberseguridade Xestionada, Xestión de clientes con IA asociada, Business Intelligence e Analítica e IA asociada e Xestión de procesos con IA asociada.
O programa Kit Dixital impulsado polo Goberno de España e xestionado por Red.es está dotado cun orzamento de 3.067 millóns de euros, financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a axenda España Dixital 2025 e o Plan de Dixitalización de Pemes 2021-2025.