Nos vindeiros días, os establecementos viveirenses recibirán diversos adhesivos con mensaxes en galego relativas ao Nadal
Viveiro, 17 de decembro de 2024. A Tenencia de Alcaldía de Viveiro e a Concellería de Promoción Económica presentan a súa campaña de Nadal para promover o comercio local e o uso do galego.
Como parte desta iniciativa, entregaranse aos comercios locais adhesivos con frases en galego, co obxectivo de reforzar a identidade cultural do municipio e o vínculo entre comercio de proximidade e lingua galega.
Os establecementos membros da Asociación de Comerciantes do Casco Histórico de Viveiro recibirán estes adhesivos directamente a través da entidade, mentres que o resto dos negocios do municipio irán recibindo o material de forma progresiva mediante o reparto organizado polo Concello.
Tamén haberá opción de recoller os adhesivos no Rexistro Municipal, para aqueles comercios que desexen empregalas antes. Estes inclúen diversas mensaxes en galego relativas ao Nadal.
A tenenta de alcaldesa Míriam Bermúdez destacou que “esta campaña pon en valor o compromiso do Concello co comercio local, un sector clave na dinamización económica, e coa nosa lingua e cultura, que nos definen e nos unen como comunidade”.
“Queremos que o galego sexa un elemento central nas festas e que os nosos agasallos reflictan o orgullo pola nosa identidade”, sinalou pola súa banda a concelleira de Promoción Económica, Iria Cotelo. “As pegatinas servirán para darlles un toque único e especial”, engade.
“Dende o Concello de Viveiro, continuarase traballando en novas iniciativas que favorezan o comercio de proximidade e promovan o uso do galego como parte esencial do patrimonio viveirense”, concluíu a concelleira.