Avanza que dende a Xunta se continuará explicando e participando no debate aberto no sendo europeo para que a actividade teñan un impacto ambiental menor
Neste senso, Villares estima que serán necesarios 1.200 millóns de euros, catro veces máis do que Galicia recibe no actual marco de programación 2021-2027 a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca en Acuicultura (FEMPA) para que esta transición enerxética se poida realizar de modo realista e asumible para unha frota que é a máis relevante da Unión Europea con 4.200 buques.
É por este motivo, polo que o responsable autonómico avanzou que dende a Xunta se continuará participando no debate aberto no seno da UE para definir o futuro, no que a actividade da frota teña un impacto ambiental menor, e se participará en foros que se organicen para explicar os pasos que se están dando tanto por parte do Goberno galego como pola dos actores do sector marítimo-pesqueiro.
Deste xeito, o titular de Mar avoga por establecer prazos máis asumibles e fixar metas parciais de minoración que leven a descarbonización a 2050, debendo de realizarse esta de forma compatible coa sostibilidade, a competitividade e a rendibilidade do sector.
Representación do naval de Galicia
Alfonso Villares fixo estas valoracións na xornada Retos de la Descarbonización del Sector Pesquero, organizada polo Clúster do Naval Galego, celebrada en Vigo, e na que estivo acompañado do director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta.
Clusaga conta na actualidade con 130 asociados e abarca na práctica a totalidade da cadea de valor deste sector: 12 estaleiros, 101 empresas da industria auxiliar, 7 institucións de apoio, 4 organismos de I+D+I e ámbito educativo e 6 entidades de servizos de apoio. Esta entidade destaca por ser a asociación naval con máis presenza internacional a nivel mundial.