As empresas adxudicatarias prestarán o servizo durante un período de 10 anos e realizarán unha inversión de máis de 2 millóns de euros para mellorar o servizo proporcionado aos veciños e veciñas
Vilalba, 20 de decembro de 2024. O Concello de Vilalba aprobou no pleno extraordinario celebrado na mañá de hoxe a adxudicación do novo contrato para o servizo de recollida de residuos urbanos e limpeza viaria, un dos máis salientables da presente lexislatura.
O goberno local, co apoio do Bloque Nacionalista Galego e a abstención do Partido Popular, aprobou a proposta de adxudicación da mesa de contratación, que outorga o contrato á UTE conformada por Garbialdi SA e FCC Medio Ambiente SAU por un importe de 18.076.498 euros para un período de 10 anos.
A alcaldesa, Marta Rouco, defendeu na sesión plenaria “a importancia de mellorar o servizo de recollida do lixo e da limpeza viaria a través da inversión de 2,4 millóns que levarán a cabo as empresas adxudicatarias para renovar a maquinaria, os vehículos e, en definitiva, o servizo que se presta aos veciños e veciñas”.
Nesa liña, a rexedora salientou que “a renovación dos vehículos permitirá que aquelas vivendas nas que non tiñan colectores porque os camións de recollida non podían acceder, agora conten con ese servizo nas proximidades das súas casas”.
Ademais, o Concelleiro de Servizos Municipais, Eduardo Vidal, deu conta das importantes melloras que achega este novo contrato de recollida de residuos urbanos, no que se inclúen “4 recolectores, 1 camión con grúa e plataforma, 1.340 colectores de carga traseira e lateral, carros e vehículos eléctricos para a mellora da limpeza viaria e 430 infraestruturas e bases de formigón para fixar os colectores, entre outras”.
Pola súa banda, tamén o rural vilalbés se verá beneficiado deste novo contrato de recollida de residuos urbanos, pois incrementaranse os días de recollida nas parroquias e nos núcleos de O Santo, Goiriz, Lanzós e Guadalupe a frecuencia de recollida igualarase á do casco urbano.
“Temos que salientar que o contrato anterior estaba caducado dende o ano 2020, e as condicións databan do ano 2000, é dicir, non estaban adaptadas á realidade actual do noso Concello, polo que sacar adiante este novo contrato permitirá mellorar notablemente o servizo que se presta aos veciños e veciñas”, concluíu a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.
RENOVACIÓN DE RÚAS NO CASCO URBANO
O segundo e último punto da sesión plenaria, o proxecto de renovación da capa de rodaxe da Rúa Rouco Varela e do tramo da Avenida de Cospeito entre a Rúa de Foz e a Rúa de Abadín, tamén quedou aprobado, neste caso por unanimidade.
En consecuencia, levarase a cabo o proxecto, cunha inversión de 35.000 euros. O que permitirá renovar a capa de rodaxe da Rúa Rouco Varela mediante unha capa de aglomerado en quente, así como renovar co estendido dunha nova capa de rodaxe o firme da Avenida de Cospeito, no tramo entre a Rúa Foz e a Rúa Abadín. Ademais, ámbalas dúas actuacións se completarán coa sinalización horizontal da estrada.