Burela, 11 Decembro, 2024. O incidente ocorreu na Rúa da Mariña, onde se sitúa o Porto de Burela. Afortunadamente, non hai que lamentar danos persoais.
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia recibiu o aviso ás 15:30 horas, cando un particular alertou de que un coche caera á auga cunha persoa no seu interior. No relato, informouse tamén de que outro particular que se atopaba no lugar se lanzara ao mar para rescatar á ocupante e liberala do vehículo.
De inmediato, os xestores do 112 Galicia pasaron aviso aos Bombeiros de Barreiros, aos axentes da Garda Civil e aos efectivos de Protección Civil.
Finalmente, ambas persoas lograron saír da auga sen problemas aparentes. Con todo, o persoal sanitario do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 decidiu trasladalos ao centro hospitalario de referencia para unha avaliación médica.