Site icon Crónica3.com A Mariña

Unha das foodtrucks de Galicia Sabe AMAR instalouse este domingo en Ribadeo

Ribadeo, 15 de decembro de 2024. Unha das foodtrucks de Galicia Sabe AMAR instalouse este domingo en Ribadeo para ofrecer de forma totalmente gratuíta o verdadeiro sabor e a excelente calidade dos produtos marítimo-pesqueiros galegos. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, desprazouse ata a localidade mariñá, onde degustou e, sobre todo, compartiu impresións cos asistentes relativas á importancia de consumir peixe e marisco tanto para o impulso da cadea mar-industria, como polos beneficios proteicos que aporta á salubridade cidadá.

Ribadeo é así outro dos concellos galegos nos que as catro furgonetas están a percorrer o territorio galego para promocionar a dieta atlántica. No marco desta iniciativa elaboráronse un total de 13 receitas nas que o principal ingrediente é o produto local, dende o bonito do norte, o mexillón de Galicia ou o berberecho de Noia. En definitiva, os peixes e mariscos amparados polo selo de calidade pescadeRías.

Esta acción, cuxa primeira edición tivo lugar no 2021, percorre os núcleos de máis de 1.000 habitantes e estará presente en eventos deportivos, culturais, festas gastronómicas ou centros de ensino ata outubro do 2025 realizando un total de 1.400 degustacións. O obxectivo é chegar tanto a maiores como á mocidade, na súa calidade de consumidores do mañá, promocionando as propiedades gastronómicas dos alimentos mariños e inculcando hábitos alimenticios saudables.

Deste xeito, a iniciativa continúa renovándose co compromiso de por en valor a importancia socioeconómica do sector, a través da xestión sostible dos recursos e de garantir a trazabilidade e a seguridade alimentaria. Só na última edición se visitaron 762 concellos de toda España, onde se repartiron 792.000 petiscos con máis de 22.700 quilos de produtos do mar.

Exit mobile version