Explicou que o departamento de Vías e Obras levou a cabo “un minucioso traballo de análise e diagnóstico sobre o estado da extensa rede viaria provincial, identificando prioridades e establecendo unha folla de ruta clara para as actuacións máis urxentes”
Recordou o Presidente que “a mellora da mobilidade é un dos grandes piares da nosa acción de Goberno e por iso lle imos destinar máis do 21% do total dos fondos, acadando os 27M€”. Unha partida que se incrementa un 42% respecto a este ano, no que hai destinados ás estradas 19,4M€, “e do 100% en relación co ano 2019, que foi cando cheguei á Presidencia da Deputación de Lugo”.
“Un ambicioso plan de obras que supón o maior investimento realizado ata o momento na rede viaria provincial”, valorou Tomé Roca, asegurando que o obxectivo principal deste investimento é reforzar a seguridade, a comodidade dos desprazamentos e as oportunidades de desenvolvemento económico en todas as comarcas. “Actuaremos practicamente na totalidade dos concellos”, informou, engadindo que o departamento de Vías e Obras da institución provincial dedicou varios meses a “un minucioso traballo de análise e diagnóstico sobre o estado da extensa rede viaria provincial, identificando prioridades e establecendo unha folla de ruta clara para as actuacións máis urxentes”.
Avanzou que en total son máis de 80 proxectos, “que non miran cores políticas nin intereses persoais” e nese sentido revelou que “o 60% do investimento previsto será en concellos gobernados polo PP, e o 40% en concellos gobernados polo Partido Socialista e polo BNG”. Explicou que as actuacións serán moi diversas, pero que na maioría dos casos terán que ver coa renovación do firme. Tamén para mellorar a seguridade viaria con pintados, desbroces e renovación de sinalización. E puxo algún exemplo das actuacións previstas pola Deputación:
No cinto comarcal, a LU-P-1611, “que como saben é unha vía moi extensa con 131 quilómetros, vamos actuar con cinco proxectos ao seu paso polos concellos do Corgo (dous treitos), Castro de Rei, Castroverde e Begonte cun investimento que superará os dous millóns de euros para arranxar máis de 12 quilómetros”.
En Ribadeo, “vamos actuar na estrada LU-P-5207, que une Ribadeo con Vilela cun proxecto que superará os 200.000€”.
Portomarín, na estrada LU-P-4902, que une Alto do Valiño con Valdeporrás, a Deputación destinará máis de 300.000€.
Castro de Rei, na LU-P-1106, que conecta o núcleo de Castro de Rei con Campo do Oso por Reigosa, a institución provincial investirá preto de medio millón de euros.
Xove, hai previstas varias actuacións, unha delas é na estrada que vai a Valcarría por Monte. Trátase da LU-P-2604, onde o investimento da Deputación superará os 210.000€ para o arranxo de máis de 11 quilómetros.
Guntín, na LU-P-2405, que vai de Guntín a San Román por Entrambasguas, a institución provincial acometerá unha obra que se achegará aos 240.000€ de investimento.
Negueira de Muñiz, a Deputación mellorará a LU-P-3601, que conecta Acebo co núcleo de Negueira, cun orzamento que supera os 300.000€.
Na zona sur tamén, con actuacións nos concellos de Pantón, Sober, Bóveda e O Saviñao, entre outros.
Tomé Roca puxo ademais outros exemplos como os traballos que se acometerán en Lugo co desdobramento de Infanta Elena, “para o que temos consignado máis dun millón de euros e que vamos executar tamén no vindeiro ano”. Unhas obras que, segundo avanzou, completarán o desdobramento e a humanización desta avenida, acometendo unha segunda fase que afecta ao treito que vai da glorieta 25 de Novembro á de Benigno Rivera.
“Na Deputación de Lugo, entendemos que a mobilidade é un factor clave para o equilibrio territorial e, polo tanto, para axudar a fixar poboación”, explicou o Presidente, quen lembrou que “para entender a dimensión do esforzo económico que estamos facendo neste ámbito e o reto que supón, basta lembrar que a Deputación de Lugo ten a rede de estradas provincial máis extensa de toda España, con 4.217 quilómetros, e tres veces maior que a da Xunta na provincia de Lugo”.
Fronte o ruído, política de feitos
O Presidente argumentou que seguirá traballando, como fixo sempre, “lonxe do ruído que queren facer outros. Así actuamos neste Goberno provincial: cun proxecto de futuro ben definido, marcando uns obxectivos e cumpríndoos cun plan de traballo realista e serio”.
Tras anunciar este novo investimento, de máis de12M€ para a mobilidade da provincia, valorou que “os bos gobernantes non son aqueles que máis falan ou que máis fotos sen fan. Son os que máis executan os Orzamentos; os que cumpren cos obxectivos marcados no seu proxecto; e os que respectan a palabra dada aos veciños, porque os anuncios non lle cambian a vida á xente. O que lle cambia a vida á xente son os feitos”.
Nese sentido, asegurou que iso será o que seguirá facendo o equipo de Goberno que lidera, “traballar todos os días para converter en feitos e realidades o noso proxecto. Un proxecto que pensamos que é o mellor para esta provincia, para os concellos, para o tecido económico e, en definitiva, para os nosos veciños e veciñas”