Estamos na época de maiores compras do ano. Todos queremos sorprender aos nosos seres queridos cos agasallos nestas datas. E non se me ocorre mellor lugar para mercar que calquera vila da Mariña. Temos comercios de todo tipo, atendidos por grandes profesionais dispostos a asesorarnos co mellor e máis natural e real dos sorrisos. Eu quero que me sorrían as persoas non os cartóns, sinceramente.
Vivimos nun mundo globalizado no que o pequeno comercio, no que os autónomos, temos a obriga de reinventarnos todos os días para non perder un tren que circula a velocidade vertixinosa, o da dixitalización, as novas tecnoloxías e a venda online. Pero contamos cunha ferramenta insubstituíble: as persoas que están detrás dos mostradores dispostas a atendernos da mellor maneira posible cando traspasamos a porta da súa tenda. E outro aspecto moi importante: poder ver e tocar en vivo e en directo os produtos. Cada día saen á luz máis novas de compras feitas a través de grandes plataformas que ou non chegan en debidas condicións ou hai casos nos que pretenden darlle ao cliente gato por lebre. Antes de coller o móbil ou outro dispositivo para mercar por internet pensemos no noso pobo, na nosa comarca.
Son os comercios, son os bares, son os restaurantes, son os servizos, somos os autónomos da Mariña e das súas vilas os que facemos pobo. Sen nós, sen o noso esforzo e o traballo diarios, moitos concellos estarían mortos a día de hoxe. E non debemos permitir que iso ocorra. Vivimos nun auténtico paraíso, lonxe de grandes ruídos, de contaminacións, de atascos, de estrés. Tod@s xunt@s debemos apostar e defendelo noso, o que temos a carón da casa e que nos da ese plus diferencial e de calidade. Sigamos apoiando e apostando duro polo comercio mariñao no 2025. Feliz Ano!!!
Carmen Cruzado (presidenta da FCAM)