O acto, que se celebrou no Auditorio Municipal, contou coa participación de alumnado de formación profesional do IES Monte Castelo e do IES Perdouro e do IES de Foz que, nunha sesión interactiva, expuxeron as súas propostas sobre a produción e do consumo alimentario, “ideando o futuro da Mariña”, o lema co que se convocaba esa reflexión colectiva.
O tenente alcalde de Burela Mario Pillado, responsable de Xustiza Social, Mocidade e Educación no goberno local, que participou activamente no taller, subliñou a importancia “de recoller opinión e as inquedanzas da mocidade e promover a súa participación no debate público, especialmente en ámbitos que teñen que ver co sector agroalimentario e coa sostiblidade” e de “fomentar unha idea de comarca, que contribúa a encarar o futuro de forma colectiva”.
A Mariña Lab xurde como un instrumento para sensibilizar e formar en relación coa alimentación, a sostibilidade e a soberanía alimentaria no ámbito educativo e apoiar a creación e o desenvolvemento de proxectos produtivos neses ambitos.
A través desta plataforma, a área de Rural da Vicepresidencia da Deputación ofrecerá recursos de formación, asesoramento e sensibilización para desenvolver o potencial produtivo da Mariña no ámbito agroalimentario, con obradoiros nos centros educativos e encontros con axentes do tecido social e económico da comarca relacionados coa produción agroalimentaria.