Site icon Crónica3.com A Mariña

Rueda destaca o potencial de Galicia para liderar a transición enerxética e consolidarse como referente na produción e almacenamento de enerxías renovables

Galicia é a terceira comunidade con maior cota de produción de enerxía verde

Chantada, 19 de decembro de 2024. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou esta mañá o potencial que ten a nosa comunidade para liderar a transición enerxética e así consolidarse como referente na produción e almacenamento de enerxías renovables.

Así o fixo durante a súa visita as instalacións da Central Hidroeléctrica de Belesar, que realizou acompañado da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana. Rueda louvou as instalacións de Belesar, ás que salientou como “unha das presas máis importantes de Galicia e de España”.

Neste sentido, o presidente do Goberno autonómico puxo como exemplo esta central hidroeléctrica da aposta polas enerxías limpas, e puido “constatar unha vez máis os recursos naturais que ten Galicia”. Hoxe en día, a nosa comunidade é a terceira con maior cota de produción de enerxía verde, e nos primeiros dez meses do ano a porcentaxe de xeración renovable alcanzou o 85,65 % sobre o total da produción que saíu das instalacións enerxéticas.

Ademais, Rueda destacou que este potencial que ten Galicia para a produción e o almacenamento de enerxías renovables, é fundamental que se desenvolva “con sentidiño” e de maneira ordenada, “con proxectos que garantan a sostenibilidade ambiental e a preservación do entorno”. Por iso, o Executivo autonómico leva a cabo a Lei de recursos naturais para garantir que calquera proxecto deste tipo teña beneficios económicos e sociais no territorio: “estes proxectos son una garantía de que se producimos enerxía poderemos abastecer tamén a industrias en Galicia que crean traballo e que necesitan esa enerxía”, rematou o presidente.

Exit mobile version