Ribadeo, 14 de decembro de 2024. Ribadeo recolleu onte na localidade coruñesa de Carballo o premio á xestión deportiva dun Concello de menos de 15.000 habitantes. Os galardóns son concedidos por Agaxede. Ata Carballo se desprazaron o alcalde, Dani Vega, e o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent.
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou que “no Concello de Ribadeo apostamos pola colaboración na organización de todo tipo de modalidades deportivas, polo deporte feminino e polo deporte base a carón de todos os clubs locais. Tamén facemos unha importante aposta por acoller competicións a nivel internacional, que potencian tamén o turismo deportivo en toda a comarca da Mariña”.
O edil ribadense declarou: “estamos moi contentos pola concesión deste premio, que é un recoñecemento e un respaldo ao traballo que estamos a realizar desde o Concello de Ribadeo. Quero destacar a importante labor que fai o técnico municipal de Deportes, Iván López, e a súa implicación. Todos traballamos como un mesmo equipo”.
Os XV Premios Galicia á Xestión Deportiva, de Agaxede, foron entregados nunha gala celebrada no Pazo da Cultura de Carballo. Foi o ribadense Roberto Ramos, directivo de Agaxede, o encargado de entregarlle o premio ao Concello de Ribadeo, que recolleu o seu alcalde, Dani Vega.