A actuación contou cun investimento de 85.757,35€
Viveiro, 27 de decemrbo de 2024. A Tenencia de Alcaldía de Viveiro anuncia que xa finalizaron os traballos de pavimentado, pintado de marcas viais, sinalización e canalización de augas en Escourido.
As obras neste lugar da parroquia de Covas contaron cun orzamento total de 85.757,35 euros, financiado a través dunha subvención da AGADER, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.
A renovación da vía permite que esta sexa unha alternativa á estrada que vai cara a praia de Abrela. Ademais, a canalización de augas impedirá que os regos aneguen a vía, como sucedera anteriormente.
A tenenta de alcaldesa e concelleira de Obras, Míriam Bermúdez, encadra esta obra “no plan de mellora de camiños municipais que se está a desenvolver dende concellerías de Obras e Medio Rural”.
“Con este plan buscamos poñer en valor o rural de Viveiro e a xente que vive nel, renovando e ampliando os servizos dos que dispoñen”, sinala a tenenta de alcaldesa.