Estas obras, que tiveron que ser aprazadas debido ás inclemencias meteorolóxicas, remataron finalmente con éxito, mellorando significativamente a seguridade e accesibilidade para os veciños e veciñas desta área.
As actuacións realizadas incluíron a repavimentación das rúas principais, co obxectivo de facilitar un acceso máis seguro e cómodo ás vivendas situadas nesta zona, que é un punto de tránsito importante para a comunidade.
A concelleira de Obras, Miriam Bermúdez, explicou que “despois de que as condicións meteorolóxicas obrigaran a aprazar algúns traballos, finalmente conseguimos rematar a obra, que mellora de maneira importante as condicións de acceso na variante. Agradecemos a paciencia dos veciños e veciñas durante este tempo e confiamos en que estas melloras contribúan á súa seguridade e benestar”.
Ademais, a concelleira aproveitou para anunciar que o Concello de Viveiro xa está a traballar nun novo proxecto para seguir mellorando a infraestrutura desta zona, cunha ampliación das actuacións que permitirá reparar máis metros de vías e continuar mellorando os accesos para os residentes.