Viveiro, 21 de decembro de 2024. A Tenencia de Alcaldía, dende a Concellería de Obras do Concello de Viveiro dirixida por Miriam Bermúdez, comunica que se completaron as obras de mellora nos accesos ás vivendas da zona da Variante.
Estas obras, que tiveron que ser aprazadas debido ás inclemencias meteorolóxicas, remataron finalmente con éxito, mellorando significativamente a seguridade e accesibilidade para os veciños e veciñas desta área.
As actuacións realizadas incluíron a repavimentación das rúas principais, co obxectivo de facilitar un acceso máis seguro e cómodo ás vivendas situadas nesta zona, que é un punto de tránsito importante para a comunidade.
A concelleira de Obras, Miriam Bermúdez, explicou que “despois de que as condicións meteorolóxicas obrigaran a aprazar algúns traballos, finalmente conseguimos rematar a obra, que mellora de maneira importante as condicións de acceso na variante. Agradecemos a paciencia dos veciños e veciñas durante este tempo e confiamos en que estas melloras contribúan á súa seguridade e benestar”.
Ademais, a concelleira aproveitou para anunciar que o Concello de Viveiro xa está a traballar nun novo proxecto para seguir mellorando a infraestrutura desta zona, cunha ampliación das actuacións que permitirá reparar máis metros de vías e continuar mellorando os accesos para os residentes.