Ribadeo, 27 de decembro de 2024. Ribadeo acolle unha intensa actividade cultural esta fin de semana: presentación dun libro, exposición, concertos e a Festa Pre Fin de Ano son algunhas das propostas para estes días.
A concelleira de Turismo e Comercio, Marta Saiz, conta que “esta fin de semana ven cargada de actividades en Ribadeo. Arrincamos hoxe coa presentación do libro Hilando cicatrices, de Teresa Ventura, na Biblioteca Municipal. Será ás 20 horas. Tamén hoxe a Coral Polifónica de Ribadeo ofrecerá panxoliñas pola rúa a partir das oito da tarde para impregnarnos de todo o sabor do Nadal”.
A edil ribadense segue a relatar que “desde mañá, día 28, e ata o 5 de xaneiro na sala de exposición do Campo estará aberta unha mostra de pintura de Jovita Lóez Veres, a beneficio da Asociación Española de Loita contra o Cancro. Poderase visitar en horario de mañá e de tarde. Tamén mañá terá lugar o concerto Aquí como en Viena da Banda Municipal de Música de Ribadeo. Será ás 20:30 horas no auditorio municipal Hernán Naval”.
Saiz engade que “mañá sábado para ir meténdonos en ambiente, Ribadeo vivirá a Festa Pre Fin de Ano, que organiza a asociación Catro Caños. Vaise celebrar na carpa instalada no parque de San Francisco a partir das 21 horas. Haberá música, badaladas, uvas, champán, caldo galego e monólogo do coñecido Federico Pérez. Mañá, día 28, tamén haberá música en Rinlo. O Resol mais Erikas e Peluxías actuarán ás 18 horas na Escola Vella de Rinlo. A cita está organizada pola Tribo da Travesía e o Concello de Ribadeo. E remataremos unha fin de semana intensa de cultura en Ribadeo co Concerto de Nadal que ofrecerá o Dúo Dail o domingo, 29 de decembro, ás 20 horas no auditorio municipal. Os amantes do piano e do violín teñen unha boa ocasión para gozar dos seus compases na nosa vila”.
A concelleira de Turismo e Comercio anima “a ribadenses e visitantes a facer un oco nas súas axendas para disfrutar das actividades que estes días acollerá Ribadeo. Hai para todos os gustos e públicos. Lembramos que a pista de xeo e o RibaXogo seguen abertos e estamos moi satisfeitos da acollida que están a ter. Son un auténtico reclamo este Nadal en toda a contorna”.