O libro será presentado pola autora e o profesor Bernardo Penabade o sábado 28 de decembro ás 12 horas no centro social Xebra, na rúa Leandro Cucurny 19 (Burela)
Burela, 26 de decembro, 2024. O centro social Xebra! acolle este sábado 28 de decembro a presentación de ‘Uma historia pequena da Galiza rural (1939-1982)’ (Através Editora), o ensaio da historiadora mariñá Alba Díaz Geada. A actividade será de balde e comezará ás 12 horas, cando a propia autora e o profesor Bernardo Penabade desenvolvan un coloquio sobre a obra.
O traballo de investigación recolle experiencias de represión, de desigualdade e de loita no ámbito rural galego. Para a súa elaboración, Díaz Geada reuniu diferentes testemuños por varios puntos da xeografía galega, incluída a propia comarca da Mariña.
A autora é Doutora em Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi investigadora pos-doutoral no Laboratoire d’Études Rurales (Université Lumière Lyon II) e no Program in Agrarian Studies (Yale University). É Investigadora Principal do Proxecto “Comunidad, conflicto y revuelta en la Galiza rural del siglo XX” (COREGAL), e ten investigado sobre o sindicalismo labrego e sobre as transformacións da sociedade rural contemporánea na Galiza. Actualmente é Investigadora Ramón y Cajal na facultade de Humanidades do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela.