Site icon Crónica3.com A Mariña

Portos de Galicia e Concello de Foz acordan a proposta definitiva para a reversión ao estado de terreos innecesarios para a actividade portuaria

A zona afectada abrangue a explanada sur entre a piscina e o Club Kayak, o que supón o 70% da superficie solicitada polo Concello e reserva os terreos precisos para a remodelación recollida nos Orzamentos da Xunta con 4,5 millóns

Foz, 12 de decembro de 2024. O alcalde de Foz, Fran Cajoto Caserío, e a concelleira de Facenda, Inés López Couto, mantiveron na mañá deste xoves unha reunión de traballo co presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez Vidal, e o seu gabinete técnico.

Portos de Galicia presentoulle ao alcalde unha proposta de cesión en resposta ao escrito enviado polo Concello en outubro do ano 2021. “Agradecemos o carácter construtivo da reunión na que Portos plantexa ceder ao Concello a explanada portuaria entre as instalacións do club Kayak e a piscina municipal, así como a rúa Valle Inclán, que son titularidade do ente autonómico. Desde o Concello propuxemos algunha posible ampliación á cesión, que o presidente se comprometeu a estudar”, explica o alcalde de Foz.

“Este desbloqueo dun expediente, que leva tres anos dende a súa solicitude, é traballo tamén do presidente da FEGAMP, Alberto Varela, e do grupo parlamentario socialista. Debo agradecerlle a Lara Méndez o traballo feito para reverter a situación actual e evitar o pago polo uso deses terreos con usos como o mercado municipal, a aula de seguridade vial, a piscina ou as propias festas patronais”, destaca Fran Cajoto.

Na reunión tamén se trataron outros temas de interese para Foz relacionados co porto: a dragaxe da canle de entrada e do peirao, pendente dunha autorización de Costas; a ampliación dos amarres en Portochico; a estabilidade do noiro no Curveiro; o estado do firme na explanada portuaria; o mural da antiga fábrica de xeo; a conservación do actual edificio da depuradora para usos municipais; e a ordenación do espazo das autocaravanas.

O presidente de Portos de Galicia e o alcalde de Foz citáronse para próximas reunións para seguir traballando sobre todos estes asuntos.

Exit mobile version