O servizo municipal e totalmente gratuíto, arrincará o 8 de xaneiro
Cervo, 10 de decembro, 2024. O Concello de Cervo vén de poñer en marcha, en colaboración coas ANPAS do CEIP de Cervo e do CEIP Península da Paz, o servizo Cervo Madruga, dentro do programa Corresponsables de Cervo.
A alcaldesa explicou que nos últimos días vimos de manter encontros coas representantes das asociacións de país e nais dos centros escolares de Cervo, nos que se valorou poñer en marcha este servizo, que será municipal e de balde, logo de detectar unha demanda importante no seo tanto do CEIP de Cervo como do CEIP Península da Paz.
Neste senso, a rexedora precisou que desde o Concello traballamos para ofrecerlles ás familias todas as ferramentas ao noso alcance para que a conciliación poida ser unha realidade. E con ese obxectivo –sinalou- nace agora Cervo Madruga, como un novo apoio ás familias para facilitar que as crianzas poidan comezar o día nun ambiente seguro, dinámico e educativo, cando as circunstancias así o requiren.
As familias interesadas xa poden entregar a súa solicitude no centro escolar correspondente ata o 19 de decembro, e o servizo porase en marcha á volta das vacacións de Nadal, o 8 de xaneiro.
No programa, as familias teñen a opción de elixir o horario de 7:30 a 8:30 horas (con almorzo); ou de 8:30 a 9:30horas, no caso do CEIP Península da Paz, ou 9:35 horas, no caso do CEIP de Cervo.
A alcaldesa afondou en que este novo servizo vén reforzar o programa de conciliación en marcha desde hai anos no Concello, que este mesmo Nadal regresa para cubrir tamén integramente as vacacións escolares das crianzas, e que se desenvolverá en horario de 8:30 a 14:30 horas.