Os seus debuxos formarán parte do deseño da postal institucional coa que o COPOGA felicitará as festas
Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2024. O Colexio de Podólogos de Galicia (COPOGA) fallou o seu concurso de postais de Nadal, un certame que celebra este ano a súa sexta edición para que os máis pequenos da casa comecen a prestar atención aos seus pés e a coñecer máis sobre o seu coidado. Ao concurso, dirixido a nenos e a nenas de entre tres e oito anos, presentáronse aproximadamente 100 propostas nas que os pés e os detalles do Nadal foron os protagonistas.
Paula, unha nena de cinco anos natural de Cervo, en Lugo, e participante na categoría de 3-6 anos, e Lucía, outra nena de sete anos do Barco de Valdeorras, participante na categoría de 7-8 anos, gañaron o certame e os seus debuxos formarán parte da postal do Nadal do COPOGA.
O debuxo de Paula é un trasgo creado coa base dun pé, unha creatividade na que non faltan os detalles do Nadal a todo cor. Pola súa banda, Lucía deseñou un pé de boneco de neve, ataviado co seu chapeu e a súa bufanda.
As creadoras dos dous debuxos gañadores recibirán de obsequio un cheque regalo, valorado en 200 euros, para adquirir produtos en librerías concertadas. Ademais, todos os participantes recibirán de agasallo un yoyó.