“Temos a man tendida para buscar un maior consenso con Por Viveiro, xa que temos obxectivos comúns”, afirma María Loureiro
“Nós defendemos a política construtiva e de consenso, o que fixemos neste ano e medio é traballar para mellorar a vida dos veciños, con proxectos xa licitados como o das beirarrúas de Magazos (Plan de Deputación 2024), e outros que entrarán no Plan da Deputación do 2025 como o novo parque cuberto para os nenos e nenas de Viveiro”, asegura María Loureiro.
“Ademais, saíron adiante outros temas importantes, como o acordo extraordinario que asinamos coa Deputación con 350.000 euros para as actividades dos clubs deportivos e a as asociacións culturais de Viveiro, a renovación da rúa do Porto de Celeiro cun investimento de 680.000 euros, o skatepark e un convenio de 100.000 euros que asinaremos coa Deputación para mellorar as instalaciós deportivas, como a piscina ou o campo de fútbol Marcos Gómez”, engade.
Na piscina, procederase á dotación dun elevador hidráulico para a mellora da accesibilidade, beneficiando ás persoas con mobilidade reducida, e instalarase unha deshumectadora, o que permitirá a reapertura do vaso pequeno, e unha nova tecnoloxía denominada Nagi. Este sistema permitirá dixitalizar a actividade física dos nadadores e mellorar a seguridade dos usuarios.
O PSOE lembra que “os orzamentos de 2025 incluirán tamén puntos do acordo de investidura, como tratamos nunha reunión recente” e aposta “polo diálogo e o consenso con Por Viveiro, que sabe desde que comezou a lexislatura que ten a posibilidade de aportar desde o propio goberno local”.
“O que queren os veciños e veciñas é un goberno que traballe e mellore a súa vida, ese foi sempre o obxectivo dos socialistas de Viveiro desde hai moitos anos”, remata Loureiro.