Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas aclaran á alcaldesa de Cervo que “a Deputación garante os fondos, pero a competencia dos GES é da Xunta e dos concellos”

O PSdeG da provincia de Lugo considera que a Alcaldesa de Cervo trata de desviar a atención, “ben porque dispón da información correcta, ou lla proporcionaron mal ou, peor aínda, está faltando á verdade. Debe asumir a súa parte na xestión do GES no seu municipio en lugar de intentar trasladar culpas á institución provincial”

Lugo, 18 de decembro de 2024. O PSdeG-PSOE da provincia de Lugo quere deixar claro que a responsabilidade de decidir onde se implantan os Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES), así como o número de efectivos, recae exclusivamente na Xunta de Galicia. A Deputación de Lugo limítase a cumprir coas súas obrigas económicas, garantindo que os concellos dispoñan dos fondos necesarios para beneficiarse deste servizo sen ter responsabilidade ningunha sobre a súa organización ou funcionamento.

En resposta ás recentes declaracións da Alcaldesa de Cervo, nas que culpabiliza en parte á Deputación de Lugo pola situación do GES no seu concello, os socialistas puntualizan que “ou ben non dispón da información correcta, ou lla proporcionaron de maneira errónea, ou, peor aínda, está faltando á verdade. A realidade é que a Deputación, como fixo en anualidades anteriores, achegará fondos, concretamente 640.000 euros para garantir a viabilidade económica dos GES en toda a provincia, mentres que os concellos achegarán 120.000 euros en conxunto. Os socialistas concretan que a Deputación de Lugo levará á Xunta de Goberno a proposta de convenio coa Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e as restantes deputacións provinciais, co obxectivo de que o convenio entre en vigor o 1 de xaneiro de 2025.

Este acordo servirá para cubrir o funcionamento dos GES nos concellos de Cervo, Folgoso do Courel, Quiroga, Friol, Monterroso e A Pontenova durante o período 2025-2027.

Ademais, “convén lembrar que a operativa dos GES e a contratación do persoal dependen directamente dos propios concellos. Por tanto, é a Alcaldesa de Cervo quen debe decidir se quere manter este servizo no seu municipio, sen desviar a atención nin buscar responsables externos”.

“É importante destacar que, ao longo dos anos, houbo concellos que renunciaron a contar con este servizo ou non aceptaron facerse cargo do mesmo, como foi o caso recente de Becerreá ou o de Baleira no pasado. Por outra banda, a última implantación dun GES na provincia de Lugo foi no municipio de Friol”, subliñan os socialistas.

Desde o PSdeG-PSOE de Lugo, insisten en que a Deputación cumpre rigorosamente coas súas obrigas, achegando os recursos necesarios para que os concellos poidan prestar este servizo esencial. “Reclamamos, por tanto, responsabilidade e rigor nas declaracións da alcaldesa de Cervo, que debe asumir a súa parte na xestión do GES no seu municipio en lugar de intentar trasladar culpas á institución provincial”, afirman.

Exit mobile version