Site icon Crónica3.com A Mariña

O sector produtor de faba da Mariña demanda apoio para poder salvar unha campaña desastrosa

Lourenzá, 26 de decembro de 2024. O pasado luns, 23 de decembro, medio cento de persoas participaron nunha concorrida asemblea de produtoras e produtores de faba, convocada polo Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas e o Consello Regulador da IXP Faba de Lourenzá, que tivo lugar no Salón de Actos de Lourenzá, na que interviu Isabel Vilalba Seivane, Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego e produtora de faba de Lourenzá. No acto analizouse a situación pola que atravesa o sector e acordouse demandar da administración medidas de apoio que posibiliten a súa supervivencia.

Como xa se denunciou a comezos de mes, a colleita de faba desta campaña 2024 viuse seriamente afectada e condicionada polas condicións climáticas e pola aparición de patoloxías que reduciron a produción até nun 80% do que tería sido unha colleita habitual para as produtoras e os produtores. Como é ben sabido, a produción de faba na comarca representa unha importante fonte de ingresos a un bo número de familias labregas, ao tempo que contribúe a fixar poboación e dinamizar economicamente a zona. Así mesmo, constitúe un elemento de identificación cultural e social.

O sector produtor de faba na comarca está sufrindo un progresivo envellecemento e perda de activos; de non haber actuacións decididas en defensa do mesmo é previsíbel que este proceso se acelere chegando mesmo até a súa desaparición, coas implicacións que iso tería a nivel económico, social e mesmo cultural.

Estas medidas de apoio resultan máis necesarias aínda se temos en conta que no veciño Principado de Asturias estase a traballar entre a administración e o sector nunha serie de liñas de apoio ás que as produtoras galegas tamén debéramos ter acceso.

MEDIDAS URXENTES

Neste sentido, na asemblea referida, acordouse demandar da Consellería de Medio Rural que, na maior brevidade, se abra un diálogo co sector para tratar, cando menos, os seguintes temas:

– Establecemento dunha axuda directa que permita salvar a campaña ás persoas produtoras.

– Modificación da axuda da PAC nomeadamente na liña “Axuda á produción sostible de proteínas de orixe vexetal” dotándoa de contía suficiente.

– Constitución dun equipo de traballo que estude as afeccións dos cambios na climatoloxía e os seus posíbeis efectos na aparición de novas enfermidades que poidan afectar a este cultivo.

De igual modo, acordouse demandar apoio a estas reivindicacións e a todos os axentes implicados e tamén aos Concellos da comarca que conforman a Indicación Xeográfica Protexida “Faba de Lourenzá”.

Exit mobile version