Por quinto ano consecutivo, o Executivo provincial sacará adiante o plan de investimentos no exercicio anterior ao seu período de vixencia, o que lle permite aos concellos planificar as accións con maior antelación e traballar con máis previsión e tempo, de forma que poidan aproveitar mellor os fondos
O programa supón, polo tanto, “transferirlles aos concellos máis do 20% dos Orzamentos provinciais, seguindo criterios públicos e obxectivos, e cun respecto total á autonomía municipal”, asegura José Tomé. O Plan Deputación 2025 mantén así a súa esencia, facendo o reparto tendo en conta a poboación, a superficie, a dispersión territorial e a taxa de envellecemento, segundo os datos oficiais do Instituto Nacional de Estatística (INE).
Así mesmo, o mandatario provincial detalla que esta medida “forma parte do noso compromiso de máxima cooperación cos concellos. Cada ano incorporamos melloras, sempre pensadas para facilitarlles a planificación e a xestión dos investimentos, e para que estes fondos sirvan da mellor maneira posible para atender as necesidades dos seus veciños e veciñas”, subliña.
Plan Deputación 2025
Por quinto ano consecutivo, o Executivo provincial sacará adiante o plan no exercicio anterior ao seu período de vixencia, o que permite ás entidades locais planificar as accións municipais con maior antelación e traballar con máis previsión e tempo, de forma que poden aproveitar mellor os fondos. Por exemplo, as obras públicas poderanse executar na primavera-verán, o período do ano máis axeitado para traballar en exteriores dadas as características climáticas da provincia.
Así mesmo, as bases do Plan Deputación publicaranse no Boletín Oficial da Provincia (BOP) o día 7 de xaneiro, pasadas as datas de Nadal, o que tamén permite aos concellos ter máis tempo para elaborar as memorias e proxectos das obras que queiran presentar con cargo a estes investimentos. Terán un mes, ata o 7 de febreiro, para presentar a documentación.