Os senadores lucenses, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, e os alcaldes de Xove e Cervo, Demetrio Salgueiro e Dolores García, en representación do Partido Popular, mantiveron unha reunión “en boa sintonía” co comité de empresa de Alcoa
San Cibrao, 13 de decembro de 2024. Os senadores lucenses, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, e os alcaldes de Xove e Cervo, Demetrio Salgueiro e Dolores García, en representación do Partido Popular, mantiveron unha reunión co comité de empresa de Alcoa para escoitar de primeira man as demandas dos representantes dos traballadores das distintas centrais sindicais e trasladar as distintas iniciativas que defendeu o Partido Popular en defensa da continuidade da factoría e dos postos de traballo.
Os senadores fixeron entrega da documentación relativa ás iniciativas presentadas na Cámara Alta en relación a cinco dos puntos candentes en relación á continuidade da actividade da planta para que “o comité de empresa coñeza o que responde o Goberno de Sánchez en relación a Alcoa”.
Os senadores explicaron que “nos últimos meses fomos facendo seguimento da situación e presentando preguntas por escrito. A través das respostas oficiais do Executivo de Sánchez, podemos coñecer cal é a súa postura ao respecto”.
Sobre a convocatoria da mesa de seguimento do pacto o que puidemos saber é que non estaba previsto nun primeiro momento que participasen os ministros. O Goberno tamén deixou claro que non ten previsto incrementar as axudas por compensacións de CO2 ata o máximo que permite a UE, unha vez que hoxe mesmo anuncian unha subida sen que alcance o máximo autorizado.
Tamén preguntaron sobre a aprobación dun novo estatuto electrointensivo, sen conseguir unha data. O Goberno de Sánchez tamén ten pendente a autorización dos parques eólicos vinculados a Alcoa: “despois de resolver fóra de prazo prometeran reverter a situación, pero un ano despois seguen sen autorización”. Igualmente, a través das súas respostas, o Goberno non amosou ningunha vontade de intervir de forma temporal e instrumental Alcoa no caso de que, unha vez implantadas as medidas de apoio, non se garantira a viabilidade da planta.
O PP APOIA AS DEMANDAS DOS TRABALLADORES
Os populares amosaron a súa vontade de “apoiar as demandas dos traballadores” e incidiron en reclamar ao Goberno de España a convocatoria da mesa de seguimento do acordo -para o que o presidente da Xunta xa manifestou a súa vontade de asistir para garantir que a reunión sexa do máximo nivel e forzar a asistencia tamén dos respectivos Ministros-; ademais da axilización das distintas tramitacións pendentes e outras medidas para favorecer a viabilidade da fábrica.