Antonio Ameijide sinala que “pese a que xa pasou o prazo legal” para entregar a documentación, José Tomé e os seus socios de goberno seguen agochando a RPT, as certificacións de obra dos centros de atención a maiores e as contas xustificativas das subvencións
Lugo, 11 de decembro de 2024. Antonio Ameijide pregunta a José Tomé “que agocha” dentro do goberno provincial para negarse a facilitar ao Grupo Provincial Popular a documentación requirida para poder realizar o traballo de fiscalización sobre o goberno de PSOE e BNG.
Ameijide explica que “estas trabas e falta de transparencia son unha constante” do goberno de PSOE e BNG xa que “poñen as máximas dificultades posibles” para que non poidamos denunciar todo o que fan mal. “Pero nin por esas o conseguen, como a semana pasada cando tardamos só unhas poucas en desmontar todas as mentiras de Tomé sobre o Plan de Mellora de estradas, que non investirá 27M€ na provincia, senón que quedará en menos da metade”, explicou.
Os expedientes solicitados e que aínda non se entregaron son (cómpre recordar que a lexislación establece que hai que facilitar o acceso no prazo de cinco días):
Relación de Postos de Traballo da Deputación: documento solicitado o 19 de setembro de 2023 sen que se entregase, polo que se reiterou a petición o pasado 2 de decembro.
Contas xustificativas das subvencións: documentación solicitada o pasado 2 de decembro.
Certificacións aprobadas ata a actualidade e a documentación correspondente en relación ás obras de construción e posta en marcha dos centros de atención a maiores da Pobra do Brollón, A Pontenova, Becerreá e Guitiriz
Antonio Ameijide lamenta “esta opacidade” de PSOE e BNG á fronte da Deputación de Lugo xa que “coa súa forma de actuar o que están a facer é manchar o nome da institución provincial”.
O popular explica ademais que “pode entenderse que negue a RPT da Deputación á vista de como actúan PSOE e BNG en todo o relacionado co persoal” poñendo de exemplo a denuncia realizada onte polo Grupo Provincial Popular en relación aos cambios de valoración nun proceso selectivo da Deputación.
Esa situación non é nova, xa que “se repite dende hai meses” e, incluso, o propio presidente da Deputación “negou a colaboración debida” solicitada pola Valedora do Pobo ante a petición de amparo presentada polos populares sobre o veto de acceso a instalacións públicas provinciais.
“Non hai dúbidas de que José Tomé ten algo que agochar, do contrario non tería ningún problema en facilitar toda a información que lle solicita a Valedora do Pobo ademais de facilitar o acceso ás instalacións provinciais aos deputados populares”.