Os deputados populares abstivéronse na votación do Plan Deputación porque “a proposta de PSOE e BNG empeora a asistencia aos municipios” xa que mentres os orzamentos provinciais aumentan nun 13% e os concellos teñen que facer fronte a unha inflación do 8% con este plan que tan so aumenta nun 1%
Lugo, 27 de decembro de 2024. Os deputados do Grupo Provincial Popular abstivéronse hoxe na votación sobre as bases do Plan Deputación para 2025 propostas por PSOE e BNG por considerar “que manteñen a desigualdade de trato aos lucenses en función do municipio no que vivan e, por conseguinte, empeora a asistencia aos concellos”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explica que “non se entende o triunfalismo” de PSOE e BNG acerca do Plan Deputación porque “a realidade é que deron cumprimento a unha das súas obrigas legais de colaboración cos municipios” polo que “non nos queda máis remedio que darlles a noraboa por cumprir coa lei”.
O popular recorda que esta plan, “tal e como o coñecemos, mellorouse grazas a un acordo entre os dous grandes partidos desta corporación (PP, con Elena Candia, PSOE, con Darío Campos)” mentres que o actual equipo de goberno, nos dous últimos mandatos so fixo dúas cousas: “cambarlle o nome e empeorar a asistencia aos concellos”.
Antonio Ameijide explica que as bases deste plan que veñen de aprobar PSOE e BNG “empeoran a asistencia aos municipios porque cada vez se adapta menos ás súas necesidades”, recordando como os alcaldes levan anos pedindo poder empregar os fondos do plan para gastos correntes, por exemplo, “pero PSOE e BNG néganse”.
ENGANO NA SUBA DO PLAN
Os deputados populares explican que a suba da que falan PSOE e BNG “é ficticia” porque a realidade é que o plan aumenta 250.000€ con respecto ao deste ano, e sube so para uns poucos, para 32 municipios baixa e para a maioría conxélase.
Ante esta situación, Antonio Ameijide afirma que “tanto PSOE como BNG cada vez restan máis peso e importancia a este plan porque na realidade están a restar competitividade aos municipios”.
“Vemos como aínda que conxelen a partida que destinan a cada concello, a realidade é que baixan os fondos destinados porque teñen que facer fronte a inflación cos mesmos recursos e porque o orzamento da Deputación sube un 13% pero este plan só un 1%”, lamentou.
Neste senso, os deputados populares insisten en que “tanto José Tomé, como PSOE e BNG teñen que escoitar aos alcaldes da provincia e permitir que con cargo ao Plan Deputación se poidan financiar gastos correntes dos municipios”.
Antonio Ameijide denuncia que tanto socialistas como nacionalistas “non permiten” sufragar estes gastos con cargo ao Plan Deputación porque “xa financian eses gastos nos concellos que gobernan os alcaldes amigos cos convenios, máis coñecidos como pedreas, das xuntas de goberno de cada venres”.
Antonio Ameijide amósase contundente e afirma que “se fora por PSOE e BNG eliminarían o Plan Deputación para así colaborar de forma directa e unicamente cos concellos que eles queren”.
PROPOSTA DO PARTIDO POPULAR
Os deputados do Grupo Provincial Popular recordan que “levamos anos” pedindo un aumento da contía que se destina a este plan porque “na actualidade é a forma máis xusta” que ten a Deputación de Lugo para colaborar cos concellos xa que “esta colaboración se realiza en base a criterios igualitarios para todos os municipios”.
Neste senso, Antonio Ameijide recorda que este ano se instou a incrementar os fondos en 10M€.
Os populares sinalan que se pode realizar este aumento dos fondos, indicando de onde se podían sacar o orzamento:
Da aportación extraordinaria dos impostos do Estado do ano 2022 que recibiu a Deputación este ano e coa que tamén se conta para o vindeiro ano. Cartos que pagamos de forma equitativa todos os veciños da provincia e que queremos que cheguen a todos os concellos da provincia.
Eses 10M€ tamén se poden sacar dos cartos que se destinan de forma subxectiva e a dedo nos convenios que se reparten cada venres nas xuntas de goberno, fondos que entregan de forma sectaria e sen criterios obxectivos aos concellos que gobernan PSOE e BNG para financiar gastos correntes ou calquera outro fin, como a compra autobuses, supermercados ou pagar orquestras