Os senadores lucenses anunciaron esta iniciativa tras manter unha reunión na Cámara Alta co presidente da Cámara de Comercio de Lugo
Ante a “preocupación” trasladada polo representante da Cámara de Comercio en relación ao desenvolvemento industrial da provincia, os senadores por Lugo reiteraron que “dende o Partido Popular defendemos a implantación do proxecto sempre que cumpra con tódolos requisitos establecidos nas distintas normativas, incluídas as de carácter medioambiental”. E avanzaron que, sobre esta cuestión, “formularemos unha pregunta en Pleno ao Goberno de Sánchez”.
Barreiro incidiu en que “un proxecto coma o de Altri ten que rexerse por criterios técnicos e medioambientais, non por opinións políticas. Non se pode dicir que non de entrada a un proxecto que pode favorecer o desenvolvemento da provincia. Hai que ver se cumpre todo tipo de requisitos”.
Durante a reunión tamén analizaron as respostas oficiais do Goberno de España ás preguntas formuladas polos senadores lucenses do Partido Popular ante as declaracións realizadas sobre o proxecto de Altri no seu momento polo secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, e a vicepresidenta segunda do Goberno de España, Yolanda Díaz.
“Mentres que algúns líderes políticos se posicionan en contra do proxecto de Altri por ideoloxía, nós defendemos o cumprimento do que establecen as normas”, sinalou Barreiro. Así mesmo, “tamén o Goberno de España en resposta oficial se posiciona a favor da implantación de novos proxectos industriais compatibles co cumprimento da normativa medioambiental, como non podía ser doutro xeito”, segundo subliña o senador lucense.
“Unha vez máis, o Goberno que preside o señor Sánchez desminte ao secretario xeral do seu partido en Galicia, o señor Besteiro, e amosa unha diferencia de postura con respecto a este proxecto fronte á súa vicepresidenta segunda e líder de Sumar”, conclúe.
OUTROS ASUNTOS
Os senadores e o presidente da Cámara de Comercio de Lugo aproveitaron a reunión de traballo para abordar outros asuntos que darán a coñecer nos próximos días.