Os deputados do Grupo Provincial Popular acordaron, unha serie de actuacións na institución provincial e nos Concellos nunha xuntanza que tivo lugar en Folgoso do Courel cos alcaldes e voceiros do PP dos municipios afectados: Folgoso do Courel, Becerreá, Guitiriz, A Pontenova, A Pobra do Brollón, Portomarín, Cervantes, Pantón, Ourol e O Saviñao
Lugo, 18 de decembro de 2024. Continuando coa política de descentralizar as xuntanzas de traballo por toda a provincia, os deputados do Grupo Provincial Popular mantiveron esta mañá unha reunión en Folgoso do Courel, na que tamén participaron, ademais da alcaldesa Lola Castro e concelleiros do municipio, ademais de alcaldes, voceiros e concelleiros do PP de Becerreá, Guitiriz, A Pontenova, A Pobra do Brollón, Portomarín, Cervantes, Pantón, Ourol e O Saviñao.
O voceiro popular, Antonio Ameijide, explica que “elixir Folgoso do Courel e contar cos compañeiros de todos eses municipios non é unha casualidade, xa que son os representantes dos nove concellos que o goberno de PSOE e BNG na Deputación de Lugo abandonaron ao non cumprir cos compromisos adquiridos cos veciños fai máis dunha década na maioría dos casos a través da sinatura de convenios para poñer en marcha centros de atención a maiores nos seus concellos.
Queremos facer énfase no caso de Folgoso do Courel ante a paralización dos trámites por parte da Deputación de Lugo que leva máis de ano e medio para modificar os prezos do proxecto, mentres que o Concello cumpriu coa súa parte”, engade. Este é, polo tanto, un claro exemplo de incumprimento por parte do goberno de PSOE e BNG.
Lola Castro explicou que “o convenio para a residencia de Folgoso do Courel foi asinado no 2018, o Concello puxo os terreos a disposición no 2019, posteriormente a Deputación de Lugo presentou un proxecto con numerosos erro e, unha vez corrixidos, o Concello resolveu con dilixencia e outorgoulle a licenza municipal a comezos do 2022”. O convenio remata en xullo do 2025 e o goberno provincial acumula meses sen responder aos escritos da alcaldesa. Ao respecto, a rexedora defende que “os veciños e veciñas do noso municipio merecen respecto por parte do goberno da Deputación de Lugo”.
ACTUACIÓNS COORDINADAS
Nesta xuntanza, os representantes do PP acordaron unha liña de actuacións para esixir a PSOE e BNG o cumprimento dos acordos asinados e que comezan por levar ao pleno da Deputación e dos concellos afectados mocións para esixir ao goberno provincial “celeridade na execución das obras e na apertura destes centros para dar un servizo moi necesario na atención dos nosos maiores”.
Antonio Ameijide recorda que na batería de 50 propostas que presentamos ao goberno provincial para que as incorporasen aos orzamentos da Deputación para o vindeiro ano (cómpre recordar que PSOE e BNG rexeitaron aceptar estas medidas) xa figuraban:
Apertura inminente do centro de día e residencial comarcal en Becerreá, con partidas orzamentarias específicas para contratar o mobiliario e materiais para equipar o inmoble construído e contratar o persoal necesario para asegurar a prestación do servizo.
Axilizar e finalizar as obras de construción (en execución) dos centros de atención ás persoas maiores e centros de día nos concellos de Guitiriz, A Pontenova e A Pobra de Brollón.
Iniciar as obras de construción dos centros de atención ás persoas maiores e centros de día nos concellos de Folgoso do Courel e Portomarín.
Redacción dos proxectos para a posterior construción dos centros de atención ás persoas maiores e centros de día comprometidos nos concellos de Cervantes, Ourol, Pantón e O Saviñao.
CENTROS DE DÍA
Os deputados populares tampouco esquecen que o goberno de PSOE e BNG non puxo en marcha ningún dos centros de día comprometidos, algo para o que tamén se reclamaba unha partida específica nos orzamentos provinciais para o vindeiro ano:
Incluír unha partida orzamentaria específica para poñer en funcionamento os centros de día localizados nos Centros de Atención ás Persoas Maiores de Trabada, Pol, Castroverde, Meira, Pedrafita do Cebreiro, Navia de Suarna, Ribadeo, A Fonsagrada e Ribas do Sil, e para garantir a correcta prestación do servizo nos mesmos.
PREVISIÓN ORZAMENTARIA
Antonio Ameijide destaca que “seguiremos ao carón” dos veciños de todos estes municipios ata acadar a apertura dos centros comprometidos.
A realidade é que “o goberno provincial non prevé a apertura de novas residencias no 2025, nin das residencias en construción ni das que tiñan comprometido. Tampouco para a apertura do centro comarcal de Becerreá para o que non hai 1 euro” polo que “seguiremos reclamando a súa posta en marcha ata que sexa unha realidade”.
Neste senso, o voceiro popular recorda que nos orzamentos da Deputación de Lugo para 2025, que aprobaron en solitario PSOE e BNG, o orzamento total para os centros de atención a maiores baixa máis de 96.000 euros e os investimentos reais diminúen nun 12%. “Por moito que José Tomé diga que vai a abrir estes centros, con menos recursos non se poden abrir novas instalacións, polo que seguiremos traballando ata que se consignen os fondos necesarios e se poñan en marcha”, sentenciou.