Demetrio Salgueiro afirma que “é imposible entender” que PSOE e BNG na Deputación de Lugo voten en contra de pedir ao Goberno central medidas que garantan a viabilidade de Alcoa mentres no Parlamento galego apoian este tipo de iniciativas
Lugo, 4 de decembro de 2024. No pleno do pasado martes, PSOE e BNG votaron en contra dunha moción do Grupo Provincial Popular para reclamar ao Goberno central a convocatoria da mesa de seguimento do acordo de Alcoa de forma urxente (convocatoria que se fixo efectiva dous días despois do pleno da Deputación de Lugo), autorizar os parques eólicos vencellados a subministración de enerxía á planta e a desenvolver medidas para garantir a viabilidade da fábrica: aumentar ata o máximo permitido para as industrias electrointensivas as axudas por compensacións de CO2 e articular liñas de axudas públicas, igual que outras empresas consideradas estratéxicas para o Estado.
Unha situación ante a que o vicevoceiro provincial do PP, Demetrio Salgueiro, sinala que se ve claramente “unha falta de apoio total ao traballadores” por parte do goberno da Deputación de Lugo, provincia na que está asentada a empresa.
Un voto en contra que “hoxe se entende aínda menos”, explicou Demetrio Salgueiro, tras ver como no Parlamento galego, e por unanimidade de todos os grupos, aprobouse unha proposición non de Lei na que se insta aos titulares dos Ministerios de Industria e Turismo e para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a participar na mesa de seguimento do acordo de Alcoa, así como un aumento da dotación orzamentaria das axudas de compensación de custos de emisións indirectas de CO2 ata o máximo legalmente permitido pola normativa europea e que se autoricen, sen máis dilación, os parques eólicos de competencia estatal vinculados a contratos a longo prazo para a produción de enerxía a prezos competitivos (PPAs) que prevén fornecer á factoría.
Demetrio Salgueiro explica que “non se sabe a que xogan PSOE e BNG” pero está claro que “non se xoga con ningún posto de traballo, pero moito menos cos de Alcoa, unha industria de vital importancia para A Mariña”.
A realidade é que o cumprimento de todos estes acordos “é fundamental” para garantir a viabilidade de Alcoa xa que “non pedimos un trato privilexiado, senón que se dea á empresa o mesmo trato que ao resto de industrias do sector no resto de España”. “So queremos que teña o mesmo trato para poder traballar en igualdade de condicións”, explicou.