Antonio Ameijide esixe a Tomé “que sexa solidario” xa que dende hai anos ten unha base de operación permanente en Monforte, con camións, palas e acopio de material, medios necesarios en todos os municipios para solucionar os problemas que sofren nas vías de titularidade municipal
Lugo, 20 de decembro de 2024. A Deputación de Lugo ten que garantir un reparto igualitario dos fondos e dos servizos dispoñibles a todos os concellos da provincia: “Este debe de ser un dos principios que rexan a actuación do goberno provincial, pero non está a suceder así”.
O voceiro provincial, Antonio Ameijide, explica que “a nula solidariedade” do presidente da Deputación está a provocar “enormes desigualdades” entre os diferentes concellos da provincia, algo que se pode ver na zona sur “onde ten en perfecto estado de revista as estradas do concello que dirixe, mentres que os dos municipios veciños están nunha situación alarmante” xa que “Tomé nin arranxa as estradas provinciais nin cede os medios necesarios para que os concellos poidan amañar as vías de titularidade municipal”.
Antonio Ameijide explica que José Tomé ten “de forma permanente” unha brigada do parque móbil no seu municipio, con camións, palas e zona de acopio de material, mentres que os municipios veciños tamén precisan destes medios “dos que se apropiou” para poder actuar nas estradas da súa titularidade.
O voceiro popular recorda ao presidente provincial que “os veciños do seu concello tamén teñen que transitar polas estradas dos concellos veciños, o que provoca que tamén se poñan en perigo en moitas ocasións porque son necesarios arranxos urxentes que se demoran pola falta de colaboración por parte da Deputación”.
Dende o Grupo Provincial Popular ven fundamental “deseñar un plan de colaboración cos municipios para poñer a disposición de todos os concellos da provincia os medios existentes no parque móbil provincial en base a criterios obxectivos e igualitarios para que na distribución dos medios e na programación do traballo teñan preferencia aqueles municipios nos que nunca se actuara ou se fixera na data máis afastada dende a súa posta en marcha, ou por motivos de urxencia e necesidade debidamente acreditados”.
A realidade é que son habituais as queixas de moitos alcaldes pola ausencia de resposta ás peticións de maquinaria e equipamentos para realizar estes traballos. “É preciso facilitar a posta a disposición dos medios cos que se conta no parque móbil provincial a todos os municipios cunha poboación inferior aos 20.000 habitantes, xa que a optimización dos recursos pasa, entre outras medidas, pola coordinación e polo necesario entendemento entre administracións”, sinalou.